Expertos tiradores procedentes de toda Galicia e de Portugal volverán desenfundar as súas pistolas, revólveres e fusiles esta fin de semana no Campo de Tiro de Cernadiñas Novas, na parroquia de Bora, na XIII edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de Armas Históricas.
O evento, organizado polo Club de Tiro Olímpico Cernadiñas Novas en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Tiro Olímpico, desenvolverase na mañá deste sábado 8 de outubro, cun programa que incluirá as seguintes modalidades: Kuchenreuter (pistola a 25 metros), Mariette (revólver a 25 metros) e Vetterli (fusil a 50 metros).
Esta tradicional proba constitúese como un acontecemento deportivo co que se conmemora o acto de irmandade entre as cidades de Barcelos e Pontevedra (unha irmandade que data do ano 1971) e vense celebrando desde o 2009. Segundo explica Antonio Escudero, presidente do club de tiro pontevedrés, "esta competición consta de dúas tiradas: a primeira delas, o Trofeo Cidade de Pontevedra, que ten lugar o 1 de maio en Barcelos, e que organizan os compañeiros do Club de Tiro Fervenza, e en correspondencia, este Trofeo Cidade de Barcelos, que organizamos nós".
"Contaremos con tiradores especializados no manexo de armas de fogo de avancarga (armas nas que tanto o proxectil como o propelente son cargados pola boca do canón da mesma, a diferencia das armas de retrocarga, nas que o proxectil se introduce pola parte posterior) e a competición rexerase polas normas da Muzzle Loaders Associations International Confederation (MLAIC), o órgano reitor mundial para a competencia de armas de fogo de carga, contando con premios para as disciplinas de Kuchenreuter, Mariette e Vetterli", sinala Escudero.