O campo de fútbol da Seca contará con dous novos vestiarios

Poio
10 de febreiro 2024

O Concello de Poio creará dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca para dar resposta a unha demanda histórica dos clubs locais, segundo vén de confirmar o goberno local

Partido entre Pontevedra B e Arosa na Seca
Partido entre Pontevedra B e Arosa na Seca / Cristina Saiz

O Concello de Poio creará dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca para dar resposta a unha demanda histórica dos clubs locais, segundo acaba de confirmar o goberno local.

Trátase dunha medida que busca facilitar o uso das instalacións sen que os usuarios teñan que desprazarse a outro espazo deportivo da contorna para cambiarse, como sucedía coa Reiboa ou o ximnasio municipal.

A administración local destinará 40.000 euros a este proxecto, que planea crear estes dous novos vestiarios, un para equipo local e outro para visitante, adaptando o espazo existente baixo as bancadas, onde se atopan actualente os antigos baños e a sede da SCD Poio.

"É unha demanda que vén de lonxe por parte de todos os equipos e deportistas. No campo da Seca hai moitísima actividade, xogan moitas categorías e os adestramentos e partidos de fútbol sucédense ao longo de toda a xornada. Un vestiario resulta totalmente insuficiente", xustifica o alcalde, Ángel Moldes.

O investimento custearase con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.