Por oitavo ano consecutivo, a Asociación Lúdica e Cultural O Cubreiro organiza en Sanxenxo o seu particular campionato mundial de colchóns. A praia da Panadeira acollerá o domingo 17 de xullo esta proba deportiva na que os participantes non só deben demostrar as súas calidades, senón tamén o seu sentido do humor para escoller disfrace e colchón.
Como nas edicións anteriores, haberá tres carreiras xa que os participantes dividiranse en tres categorías. A partir da unha e media da tarde tomarán a saída os nenos menores de 10 anos. Un cuarto de hora despois, terá lugar a proba para os participantes de 10 a 14 anos. A carreira de adultos está prevista para as dúas da tarde.
As inscricións realizaranse hora e media antes da carreira.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como para os tres mellores disfraces e os colchóns máis orixinais. Ademais haberá premio ao mellor disfrace en grupo.
O público situarase tanto na praia como ao longo de todo o paseo e poderán participar activamente nas actividades de bailes e ximnasia previstas antes do comezo da proba.
A organización espera superar a participación do ano pasado, cifrada nunhas 220 persoas, ante o interese que detectaron a través de redes sociais.