O camioneiro admite que agrediu a dous ciclistas a marteladas diante da fábrica de Ence e indemnizaraos con 16.000 euros

Pontevedra
01 de decembro 2020

O xulgado do Penal número 3 de Pontevedra resolveu mediante un acordo de conformidade o xuízo contra o camioneiro Francisco Javier L. F. acusado dos delitos de lesións e ameazas por atacar a marteladas a dous ciclistas en outubro de 2018 na PO-546, no acceso á fábrica de Ence pola estrada vella de Marín

Un transportista enfróntase a dous ciclistas na entrada de Ence / PontevedraViva

O xulgado do Penal número 3 de Pontevedra resolveu mediante un acordo de conformidade o xuízo contra o camioneiro Francisco Javier L. F. acusado dos delitos de lesións e ameazas por atacar a marteladas a dous ciclistas en outubro de 2018 na PO-546, no acceso á fábrica de Ence pola estrada vella de Marín.

As partes chegaron a un acordo este martes que evitou a celebración da vista oral aceptando o transportista a comisión dos feitos e mostrándose conforme co solicitado pola Fiscalía.

En virtude do acordado o camioneiro foi condenado polos delitos leves de lesións a 3 meses de multa, por ameazas a 2 meses de multa e por danos a 10 meses de multa, todos coa mesma cota de 10 euros ao día. Todo iso supón uns 4.500 euros.

En canto á responsabilidade civil, terá que indemnizar ao ciclista ao que golpeou co martelo na cabeza, Delfín Santiago, con 12.500 euros; mentres que ao segundo ciclista, Ángel Iglesias, deberalle abonar outros 3.500 euros. Ademais terá que pagar 779 ao Servizo Galego de Saúde.

Por mor da confesión decláranse feitos probados os recolleitos no relato que fai o Fiscal no seu escrito de acusación no que explica como sobre as 13:05 horas do día 25 de outubro de 2018 o acusado circulaba co seu camión pola estrada nacional N-546 e cando estaba a entrar pola vía de acceso á factoría de Ence "co fin de recriminarlle por un presunto incidente de tráfico anterior, colocáronselle diante do camión os ciclistas", que apearon das súas bicicletas, deixándoas no chan diante do vehículo e encamiñáronse á cabina, subindo un deles ao estribo do camión chamando no portelo mentres o seu compañeiro chamaba na porta, "instándolle ambos a baixar do camión".

Momentos despois, o acusado "enfadado, baixou do seu camión portando un martelo na man" e perseguiu a Ángel mentres lle dicía "ven aquí fillo de puta, ven aquí que che mato, cabrón", sen que lograse darlle alcance.

Acto seguido o camioneiro dirixiuse cara a onde estaba a bicicleta propiedade de Ángel e "facendo uso do martelo que portaba golpeouna co mesmo e deulle patadas, tirándoa logo cara á maleza próxima".

Inmediatamente dirixiuse a Delfín, e tras gritarlle "marcha que che fodo", segundo o escrito de acusación "movido polo ánimo de causarlle un menoscabo físico, golpeoulle co martelo alcanzándolle no ombreiro e no casco que levaba posto na cabeza", e logo díxolle "márchate, que te mato".

Como consecuencia da agresión, este ciclista sufriu un traumatismo cranioencefálico leve, así como un trastorno por tensión postraumática. 

Á saída dos xulgados Delfín declinou facer declaracións mentres que o seu compañeiro Ángel limitouse a comentar que agora a condena "queda ahí para que se sepa y que todos tengamos un poco de cuidado". 

Como acusación popular neste caso presentouse a Fundación Ado Moure Pro Deporte, cuxo avogado sinalou que"éramos mucho más ambiciosos y preferiríamos un resultado que de verdad castigara los hechos que ocurrieron" pero conformáronse con este acordo "por no perjudicar los intereses de las víctimas".