O camiño diario cara á reeducación: "Trátase de saír de aquí e empezar unha vida nova"

A Lama
16 de outubro 2018

Máis de 150 anos despois de que en 1861 Concepción Arenal escribise que "o peor que pode suceder é que nas prisións non entre ninguén, como sucedeu ata aquí", entramos no centro penal da Lama e coñecemos como é o seu día a día no seu 20 aniversario

Prisión da Lama
Prisión da Lama / Mónica Patxot - Arquivo

Corría o ano 1861 cando Concepción Arenal escribía que "o peor que pode suceder é que nas prisións non entre ninguén, como sucedeu ata aquí". Pasaron 157 anos desde que esta precursora do feminismo e da aposta pola reinserción e a educación nas prisións escribiu a súa obra, pero a súa filosofía segue tan actual que cobra sentido toda iniciativa para dar a coñecer como se vive no interior dun centro penal. Tras os muros do da Lama hai moita vida, moi diferente á idea preconcibida que ten unha parte da poboación de como é todo reixas dentro e á espera de ser contada por quen a constrúe día a día: traballadores e internos. 

Podémola coñecer da man de Dani e Santiago, dous internos que levan un ano e catro meses e tres anos en prisión, os últimos meses vivindo en primeira persoa o presente da reinserción no sistema penal, ese ideal que parecía utópico cando Concepción Arenal escribiu 'El visitador del preso' e que a eles lles fixo recobrar toda confianza en que, unha vez que cumpran a súa condena, poidan recuperar as rendas das súas vidas e seguir camiños que nunca máis os volvan levar a estar privados de liberdade. 

Ambos cumpren condena e son na actualidade coordinadores no MET, o módulo educativo e terapéutico da Lama, que, como lembra Teresa Delgado, subdirectora de tratamento do centro, supoñen "dar un paso máis" nos módulos de convivencia e engadir aos internos a posibilidade de curar a adicción ás drogas e/ou o alcol que desencadeou o seu ingreso en prisión. Tal e como insiste David, educador do módulo 9 de convivencia, "toda a prisión está libre de drogas, pero os internos que asumen o compromiso de entrar nun destes módulos están a comprometerse tamén a uns controis estritos" que garantan que non burlan a lei para consumir substancias prohibidas. No MET, vaise máis aló e ofréceselles tratamento específico de deshabituación.

Dani e Santiago asumiron o compromiso e sometéronse ao esixente programa do MET, pero xa case alcanzan coa palma da súa man esa vida soñada sen adiccións nin delitos. "Trátase diso, de saír de aquí e empezar unha vida nova", insisten.

Cando un interno entra no MET faio voluntariamente e tras un período de proba de 20-25 días no que coñece o seu funcionamento para saber se está disposto a cumprir as normas do tratamento. Unha vez que dan o si, pasan por tres fases, unha primeira de tres meses para coñecer o módulo, darse a coñecer e interiorizar as normas e unha segunda máis longa na que se profunda no traballo máis individual e avánzase con terapeutas, educadores e psicólogos en "por que chegaches ao módulo oito, que condutas te trouxeron ao cárcere, que fixeches ben ou mal, que podes cambiar". Son sete meses nos que "empezas a facer un cambio persoal".

Esa segunda fase faise dura, pois os internos urgan na súa vida, pero teñen o apoio dos compañeiros, dun equipo multidisciplinar e do seu titor e, unha vez superada, pásase á terceira, a de integración propiamente dita, na que empeza a xestarse a súa saída de prisión a un centro exterior como, por exemplo, o pechado de Proyecto Hombre en Ourense, no que continuarán o tratamento e a condena. As posibilidades son tan variadas como os casos de cada interno ou a duración da súa condena e sempre se elabora un itinerario personalizado.

"Cando saes, empezas a aplicar o que aprendes aquí", indican estes dous internos, "que non te drogues aquí non é difícil porque estás nun sitio controlado, pero o reto está fóra. O reto é cambiar a túa vida". Para moitos o cambio pasa por recuperar os vínculos familiares, que son cruciais e que moitas veces dinamitaron na espiral de drogas, alcol e delincuencia na que entraron antes de acabar en prisión. Dani, por exemplo, confesa: "cheguei feito unha piltrafa, en declive total, non me falaba con ninguén". Agora recuperou a relación coa súa filla e co seu irmán e ve a luz ao final do túnel

"Que non te drogues aquí non é difícil porque estás nun sitio controlado, pero o reto está fóra. O reto é cambiar a túa vida"

No duro día a día da reeducación teñen aliados claves no persoal de Cruz Vermella que traballa con eles cada mañá, nos seus terapeutas e tamén nos seus titores. Neste módulo, os funcionarios de vixilancia asumen un compromiso máis aló das súas obrigacións e hai catro que, a quendas, exercen de titores, coñecen as problemáticas dos internos e actúan de ligazóns co equipo multidisciplinar. 

Trátase dun destino voluntario que Ramón, un dos catro actuais, explica que pediu hai xa un ano"por unha cuestión de realización persoal, de darlle máis sentido ao que facemos". Non é un "mero labor de vixilancia ou custodia", senón que fan a súa achega persoal porque "lle podes achegar moito". Non resulta estraño que estes titores mesmo acompañen aos internos nas súas saídas de prisión, no que Teresa Delgado chama "permisos tratamentales" para empezar a sentar as bases da súa vida fóra. 

O día a día no MET diferénciase por estes tratamentos anti adiccións, pero no resto reproducen o esquema de módulos de convivencia como o 9, no que forman parte do equipo de xestión Germán e Ramón. As súas celas ábrense e pechan á mesma hora que no resto de módulos ordinarios e pasan, de media, 14 horas ao día nelas, pero o que marca a diferenza é como viven esa metade da xornada que poden saír ás dependencias comúns nas que conviven e se respectan.

O equipo directivo que leva con bo temón José Ángel Vázquez na Lama adoita facer incursións frecuentes a estes módulos para ver como discorre o seu día a día, pero quen realmente guían a actividade do módulo son, en "corresponsabilidade", internos e educadores. Desde que ás 8.30-8.45 baixan a almorzar ata que ás 13.00 comen e volven ás súas celas para descansar, "a idea é que se manteñan sempre ocupados" e así o garante o traballo duns e outros

A tarde, entre as 16.30 que volven saír da cela e que volven deitarse, é o momento de "tempo libre" no que moitos se dedican ao deporte, a ler, á televisión ou a hobbies como xogar ás cartas na aula que teñen reservada como pequena biblioteca -hai unha en cada módulo e unha central no edificio multiusos-, pero as mañás teñen que ter unha actividade "organizada"

"É moito mellor estar nun módulo convivencial", aseguran Germán e Ramón, estoutro baseándose na súa experiencia dunha estancia previa en prisión nun módulo ordinario. "Comprometémonos, encargámonos da limpeza, das actividades.... Esixe normas para relacionarvos entre nós. É coma se estivésemos na casa, para nós é moito mellor", relatan.

Teñen normas que José Ángel Vázquez define como "moi básicas" como son "non cuspir no chan" porque son os propios internos os responsables da limpeza dos módulos e outras que profundan máis en como mellorar a experiencia diaria e que sempre se consensúa entre todos baixo a coordinación dos educadores nunha asemblea de todos os habitantes do módulo, na actualidade 79, moitos en celas individuais e outros en compartidas. 

Esas normas lévanos a ter cada día de 10.00 a 12.30 horas actividades obrigatorias. Algúns forman parte do total de 300 internos que actualmente asisten a actividades formativas oficiais no centro, de modo que saen do módulo para as súas clases, pero outros quedan e autoxestionan cursos de seguridade viaria, informática, xeografía, historia ou emprendemento. Hai quen opta por asistir ao taller de marquetería e crear verdadeiras xoias como hórreos, barcos ou mesmo casiñas de bonecas de madeira para regalar aos seus familiares ou ao propio centro.

No módulo 9, como ocorre nos outros seis de convivencia, "a idea básica é que se respectan" e que se traballe na "reeducación" co obxectivo de "devolvelos á sociedade de tal forma que non volvan delinquir". Nestes módulos, tal e como sostén o director do centro, mesmo se xera "un ambiente máis propicio" para que se sometan con éxito a programas de reeducación en asuntos tan delicados como a violencia de xénero ou as agresións sexuais.

Así foi a evolución da Lama ata chegar a esta situación actual