Cinco serán as actuacións que o goberno municipal sufragará cos 2,5 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra destinará en 2024 á cidade do Lérez. Así o anunciou este venres o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores.
Fernández Lores valorou positivamente que o presidente provincial, Luis López, cumprise a "palabra dada" e manteña a mesma cantidade de fondos que destinaba a Pontevedra o goberno anterior e, ademais, deixando que o Concello decida onde investilos.
"Todos os compromisos asinados irán para adiante", garantiu o alcalde, incluídos os recollidos en anos anteriores e que aínda non se executaron, entre eles o vial de Mollavao (1 millón de euros) ou o campo de fútbol de Salcedo (1,5 millóns).
Ambas as partes non descartan que este investimento inicial se poida ampliar "se aparece algún proxecto interesante" para as dúas administracións, engadiu o rexedor da capital.
Entre as obras que se tramitarán con cargo aos novos convenios entre o Concello e a Deputación atópase o cambio a LED da iluminación pública en toda a zona ao norte do río Lérez, é dicir, o barrio do Burgo e a parroquia de Lérez.
A este proxecto destinaranse 1,4 millóns de euros, que permitirán renovar todos os puntos de luz e os sistemas de iluminación. Esta actuación deixaría completado o cambio de luminarias en case todo o municipio. Só faltarían as parroquias de Salcedo e Tomeza.
Outros 400.000 euros servirán para financiar a nova nave de piragüismo no peirao das Corbaceiras, que empregarán os deportistas da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra.
Para o futuro parque da Parda, cuxo proxecto se presentará nos próximos días, haberá 400.000 euros máis que, xunto co millón de euros que figura no orzamento municipal, permitirá iniciar unha actuación que rozará os cinco millóns, segundo informou o alcalde.
Os novos convenios recollen ademais 200.000 euros para o acondicionamento da pasarela do tren -que xa tiña 500.000 euros do ano pasado- e outros 100.000 euros para a reforma de edificios municipais que en principio destinaranse a completar a obra da casa do concello.