O cambio a LED da iluminación da zona sur arranca por María Victoria Moreno e os xardíns de María Vinyals

Pontevedra
27 de maio 2023

Pola rúa María Victoria Moreno comezou o proceso para substituír máis de 1.600 puntos de luz do alumeado público da zona sur da cidade. Todas as luminarias de 77 rúas, parques e prazas pasarán a ser de tecnoloxía LED. Estes traballos durarán tres meses

Un operario de Setga arranxando un farol
Un operario de Setga arranxando un farol / PontevedraViva

Pola rúa María Victoria Moreno comezou o proceso para substituír máis de 1.600 puntos de luz do alumeado público da zona sur da cidade. Todas as luminarias de 77 rúas, parques e prazas pasarán a ser de tecnoloxía LED. Estes traballos durarán tres meses.

A empresa Setga, adxudicataria dunha actuación na que o Concello inviste 1,55 millóns de euros, xa está a cambiar tamén a iluminación dos xardíns de María Vinyals.

A partir de aí irase actuando no ámbito incluído entre a Avenida das Corbaceiras, Rúa da Barca, Xeneral Martitegui, Raíña Vitoria, Praza de Galicia, O Gorgullón, Avenida de Vigo, María Victoria Moreno, Manuel del Palacio, Avenida de Marín e o barrio da Moureira.

O proxecto inclúe ademais o reforzo da iluminación nos pasos de peóns, así como unha mellor iluminación nas glorietas e nos ámbitos peonís.

Nestes traballos substituiranse 1.607 luminarias e 32 cadros de mando e protección, retirando o actual sistema de acendido de fotocélula ou reloxo astronómico por equipo de telexestión. 

Está prevista tamén a substitución de parte do cabo, tomas de terra e brazos e columnas danadas das luminarias e a limpeza, saneado e pintado de columnas e báculos existentes, retirando elementos adheridos e sucidade e cambiando elementos estragados. 

Na actualidade neste ámbito da cidade existe un consumo actual de 1.126.643 kWh/ano e coa nova iluminación está previsto que os consumos se reduzan a 396.690 kWh/ano, o que, segundo os prezos actuais, suporá unha redución de 370.000 euros na factura do Concello. 

Ademais esta actuación, que está financiada a través dun convenio coa Deputación, permitirá reducir as emisións de CO2 en 380,31 tCO2/ano. de garantía legal da propia instalación.