O calendario deportivo de Poio abordarase o vindeiro luns no Consello Municipal

Poio
03 de febreiro 2022

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), tamén dará conta das iniciativas realizadas durante 2021 e achegará información sobre o estado de proxectos en marcha ou en tramitación, como o parque de calistenia, a mellora das pistas de tenis de Monte Baldío ou a renovación do céspede do campo de fútbol da Reiboa

A concelleira de Deportes en Poio, Marga Caldas
A concelleira de Deportes en Poio, Marga Caldas

O vindeiro luns, día 7 de febreiro, reunirase o Consello Municipal de Deportes, ao que están convocados representantes do tecido deportivo de Poio para tratar diversos asuntos de interese. 

Neste encontro a concelleira de Deportes, Marga Caldas, dará conta de todas as actividades e iniciativas que se desenvolveron ao longo do ano 2021.

Tamén se abordarán outras cuestións, como o calendario de actividades correspondentes a 2022. "Estamos traballando para seguir recuperando, pouco a pouco, iniciativas e probas de referencia, seguindo a liña de 2021", indica Marga Caldas, que pon como exemplo a celebración do Duatlón Concello de Poio, que terá lugar en Lourido este mes de febreiro e que será presentado nos vindeiros días.

Ademais, a concelleira de Deportes tamén aproveitará a cita para dar conta dos proxectos que se están impulsando desde o Concello para a mellora de infraestruturas. É o caso, por exemplo, da actuación prevista nas instalacións de Monte Baldío, na parroquia de Raxó, onde se prevé cubrir as pistas de tenis e dotalas de bancadas, ademais doutras melloras, cun orzamento próximo aos 300.000 euros. A redacción do proxecto foi adxudicado na última Xunta de Goberno e a edil ten previsto reunirse co tecido local de Raxó para informar dos detalles da obra e tomar nota das suxestións e achegas que se poidan engadir ao documento.

Outras actuacións xa en fase de execución ou tramitación que teñen que ver coas infraestruturas deportivas son a dotación dun novo parque de calistenia en Lourido, que estará operativo en breve, ou a renovación do céspede do campo de fútbol da Reiboa, que pasará a contar cun tapete artificial de última xeración, e que é unha actuación que supera os 250.000 euros de orzamento. 

A maiores, Marga Caldas trasladará aos integrantes do Consello en que situación se atopan outras actuacións proxectadas, como o novo pavillón, a reforma da nave de piragüismo, que poderá executarse logo da tramitación realizada ante Portos de Galicia para o cambio de titularidade do espazo correspondente no peirao de Combarro, ou a creación dun circuíto BTT.