O Burla Negra tamén piratea de día e con tempo desapracible

Pontevedra
01 de marzo 2022

Durante a tarde deste 1 de marzo, martes de Entroido, volveron os piratas a abordar as rúas do centro histórico de Pontevedra facendo fronte ao tempo inestable e cambiando o seu horario nocturno tradicional de pillaxe a outro máis acaído para o público infantil

'Día pirata' no Entroido 2022
'Día pirata' no Entroido 2022 / Mónica Patxot

A 'Noite Pirata' converteuse na edición deste Entroido de 2022 en 'Día Pirata', debido ás medidas adoptadas polo goberno local para evitar actividades con moita masificación de público durante estas festas. 

Nesta ocasión, os piratas a bordo do Burla Negra iniciaban o seu percorrido desde a Praza de España ás 17.45 horas, con atraso debido ás inclemencias do tempo, segundo a organización, nunha tarde con chuvascos e desapracible.

Avanzaron polo centro histórico desembarcando polos diferentes puntos da cidade mostrando o seu afán de pillaxe e diversión, liderados por Benito Soto, o pirata da Moureira. 

O público infantil gozou desta sesión que estivo animada pola asociación Combrus, Troula e a comparsa Vamos a Todo. A tarde tamén estivo animada pola actuación da Charanga Os Atrevidos.

Tras esta xornada, o mércores, festivo local, haberá novas actividades festivas para a rapazada desde as 17.00 horas cun obradoiro de Entroido na praza da Ferrería. A animación polas rúas correrá a cargo da Charanga Europa a partir das 18.00 horas. 

Ás 19.00 horas, a praza da Peregrina acollerá a recreación da botica de don Perfecto Feijoo, con personaxes relevantes da época de Ravachol. Os asistentes poderán gozar da música da agrupación Comando Foucellas.

Pero a cita máis esperada chegará ás 21.00 horas ao Pazo da Cultura coa segunda eliminatoria da trixésima edición do Concurso de Murgas, antesala da gran final que terá lugar o xoves no mesmo escenario.