O búnker de radioterapia do Hospital Montecelo estará rematado este ano

Pontevedra
04 de decembro 2022

A disposición e as características de obra son as dun auténtico refuxio de radioactividade destinado a salvar vidas. A execución require dun proxecto específico, diferenciado do resto da actuación, que necesita contar coa aprobación do Consello de Seguridade Nuclear

Avance das obras do Hospital Montecelo a 3 de decembro
Avance das obras do Hospital Montecelo a 3 de decembro / Sergas

As obras do futuro búnker de radioterapia do Hospital Montecelo avanzan a bo ritmo e está previsto que queden rematadas este mesmo ano.

Así o deu a coñecer esta fin de semana a Xunta de Galicia, que destinou este 2022 máis de 4 millóns de euros para equipar o futuro servizo de Radioterapia de Montecelo. En maio deste ano, adxudicou a adquisición de dous novos aceleradores lineais por 4.440.700 euros.

A disposición e as características de obra son as dun auténtico refuxio de radioactividade destinado a salvar vidas. A execución require dun proxecto específico, diferenciado do resto da actuación, que necesita contar coa aprobación do Consello de Seguridade Nuclear. 

O búnker de radioterapia comezou a construírse o pasado mes de outubro na esquina sueste do novo edificio hospitalario. Está previsto que a estrutura quede rematada a finais de ano, para continuar nos meses seguintes co proceso de dotación de instalacións, acabados e equipamento radiolóxico. Nese espazo funcionarán dous equipos de radioterapia externa de grandes dimensións e con tecnoloxía de última xeración.  

Para preparar o búnker para disipar a radioactividade procedente dos equipos de radioterapia de grandes dimensións e última xeración que albergará,  estase a empregar un formigón de características especiais

O cambio de granito procedente de canteiras próximas por barita fai que o prezo se multiplique, tendo en conta que na actualidade non existen canteiras nacionais operativas deste mineral, e que o custo da súa extracción é elevado. Na obra hospitalaria de Pontevedra o material que se está a empregar procede de Marrocos e é trasladado por transporte marítimo.

Desde a lousa de cimentación do búnker parten os muros, con espesores que chegan ata os 160 centímetros, e cunha tapa superior, tamén maciza, que alcanza os 170 centímetros de grosor. 

Para extremar a protección e a seguridade do persoal médico e dos pacientes, o espazo interior do búnker distribúese en forma de labirinto, co obxectivo de que a zona de exposición aos tratamentos radiolóxicos estea sempre separada e illada da zona de control médico, mediante grosos muros de formigón que protexan ao persoal médico e sanitario e aos pacientes.

As obras de construción do hospital seguen avanzando de xeito simultáneo en diferentes estruturas e desde o Goberno galego sinalan que os vindeiros meses serán claves para o remate de varias zonas de edificación, que xa proxectan a imaxe final desta primeira fase do Gran Montecelo. 

Os traballos actuais concéntranse na torre de hospitalización en “Z”. A obra de ampliación xa ten executado máis do 60% de toda a estrutura armada e xa está rematada a parte principal dos tabiques de ladrillo, das cubertas e das fachadas, na que se continúa a despregar a envolvente e a carpintería de aluminio. 

Arquivado en