A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, indicou no Parlamento que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, como autora do estudo de alternativas, debe "avaliar de forma obxectiva e rigorosa a viabilidade ambiental" das medidas propostas para o abastecemento de auga a Vigo.
Entre outras medidas, figuran o bombeo do río Verdugo ao río Oitavén ou a construción dunha nova presa augas arriba deste, unha proposta que rexeitaron de xeito contundente desde os concellos afectados, entre eles Ponte Caldelas e Soutomaior.
A este respecto, Ethel Vázquez adiantou que para a Xunta o bombeo do Verdugo ao Oitavén "nin é necesario nin achega solucións".
A conselleira precisou que esta actuación levaría aparellado un maior gasto enerxético "e non achegaría suficiente volume de auga en momentos de escaseza, máxime tendo en conta que a bacía dos dous ríos xa é moi limitada en circunstancias normais".
Ademais, advertiu que esta actuación tamén pode resultar incompatible co Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, pois en episodios de seca o volume de auga de ambos os ríos queda reducido ao caudal ecolóxico.
A conselleira remarcou que a Xunta "non apoiará nin esta nin ningunha outra actuación que non conte co imprescindible aval ambiental".
Por último, Ethel Vázquez apuntou que "actualmente o abastecemento a Vigo e ao sur da provincia está garantido" e que do que se trata é de achegar solucións que resolvan calquera problema de abastecemento futuro, no ano horizonte de 2070.
Para o BNG, con todo, estas declaracións non son suficientes e esixe ao goberno galego que descarte definitivamente a creación dun encoro en Forzáns, ao entender que Ethel Vázquez, negouse a desbotalo na cámara autonómica.
O deputado Manu Lourenzo recriminou as "reviravoltas" e os continuos "cambios de opinión" da Xunta sobre o posible transvasamento de augas dende os ríos Verdugo e Oitavén como opción para garantir o abastecemento de Vigo.
A pesar da "barbaridade ambiental" que supoñería este proxecto, Lourenzo criticou que a titular de Infraestruturas deixe a porta aberta a esta posibilidade apelando á necesidade de encargar novos estudos que avalíen a viabilidade desta actuación.