O BNG ve "profundamente decepcionantes" os orzamentos da Xunta para 2021

Pontevedra
24 de novembro 2020

Carme da Silva lamentou que estes orzamentos recollan partidas "que se repiten sistematicamente" como o diñeiro para Montecelo, o saneamento da ría ou a variante de Alba "que sempre son os investimentos máis importantes e despois quedan en nada"

Carme da Silva, nun pleno municipal no Teatro Principal
Carme da Silva, nun pleno municipal no Teatro Principal / Mónica Patxot

Para o BNG os orzamentos que a Xunta de Galicia deseñou para 2021 son "profundamente decepcionantes", segundo asegurou Carme da Silva.

E máis, segundo engadiu a portavoz nacionalista, no caso das partidas destinadas a Pontevedra que "son as mesmas de sempre" e que volven figurar nas contas autonómicas "porque non se executan nunca".

Da Silva lamentou que estes orzamentos recollan partidas "que se repiten sistematicamente" como o diñeiro para Montecelo, o saneamento da ría ou a variante de Alba "que sempre son os investimentos máis importantes e despois quedan en nada". 

"Agardamos que algo executen desta vez", sinalou a portavoz do grupo municipal do BNG, que censura que o goberno de Alberto Núñez Feijóo non ofreza un "compromiso real" coas necesidades da cidade de Pontevedra.

As contas para 2021 son unha "proba evidente" de que a Xunta só traza "supostos previos" que despois non cumpre, polo que a edil nacionalista pediulle ao goberno galego que actue "con seriedade e rigor" e que teñan unha "vontade real" de cumprir os seus compromisos.

"Poden cuantificar os investimentos nos millóns que queiran porque se despois quedan sen executar é como se nada", subliñou Da Silva.

O BNG, adiantou Carme da Silva, presentará unha emenda á totalidade e traballará para "corrixir" este borrador de orzamentos e ampliar as partidas para Pontevedra.