O BNG urxe adoptar unha serie de medidas para frear a situación de emerxencia climática

Pontevedra
12 de setembro 2019

"É preciso actuar sen medo porque temos un perigo real que afecta á propia viabilidade do planeta", xustificou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "e Galicia ten que estar na primeira liña contra a emerxencia climática"

Acto do BNG na Illa das Esculturas
Acto do BNG na Illa das Esculturas / PontevedraViva

A  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interveu este xoves no acto de presentación das propostas do Bloque para impulsar políticas ambientais destinadas a frear a situación de emerxencia climática.

"É preciso actuar sen medo porque temos un perigo real que afecta á propia viabilidade do planeta", xustificou Pontón nun acto que se celebrou na Illa das Esculturas de Pontevedra, "e Galicia ten que estar na primeira liña contra a emerxencia climática".

Entre as primeiras medidas, a portavoz nacionalista fico público o apoio do Bloque á mobilización mundial polo clima prevista para o próximo día 27 de setembro.

Ademais, o BNG urxe á Xunta a creación dunha lei galega contra a crise climática "que sexa a base dunha nova estratexia" que signifique un cambio nas políticas que actualmente impulsa o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo que "seguen insistindo nun modelo que non é sustentable" segundo denunciou Ana Pontón.

Unha terceira proposta sería a posta en marcha dun comité de crise fronte á emerxencia climática, que coordinaría desde a Xunta ao conxunto de asociacións e organizacións e que permitiría analizar a eficacia das medidas que se adoptan.

E finalmente, o BNG expresou o seu compromiso de que, alí onde teñan responsabilidades de goberno, "imos seguir tomando medidas que poñan no centro o cambio de modelo e a loita contra o quecemento global", cuestións que tamén tratarán de impulsar naquelas institucións onde estean presentes como oposición.

Ana Pontón referiuse aos múltiples datos e estudos científicos que fixeron "que salten as alarmas" ao advertir que "estamos nunha situación crítica" e que, de non tomarse "medidas eficaces", producirase unha "catástrofe ambiental e humana".

A líder nacionalista avogou por "pasar das palabras aos feitos" para non deixar unha "herdanza envelenada" ás próximas xeracións "nun momento no que aínda podemos facer algo".

Entre outras cuestións o BNG propón reducir as emisións contaminantes ou facer unha transición enerxética para unha economía baseada en enerxías renovables.

"MODELO CAPITALISTA DEPREDADOR"

As "verdadeiras causas" que están "detrás deste problema", segundo Ana Pontón, atópanse nun "modelo capitalista depredador que pon o lucro e o beneficio dos grandes lobbies económicos por encima do respecto ao medio ambiente" xerando ademais "graves desequilibrios sociais".

Pontón sinalou que a defensa do medio ambiente "forma parte do ADN" do BNG e citou como exemplos a loita dos nacionalistas "para que este país non se enchese en encoros", a súa oposición á instalación dunha central nuclear en Galicia, "a batalla para sacar a ENCE da ría" ou por cambiar "un modelo forestal pirómano" mesmo o exemplo de Nunca  Máis "onde nós fomos unha peza fundamental".

Tamén incluíu nesta relación as políticas impulsadas desde aquelas institucións onde os nacionalistas gobernan.