O BNG presentará iniciativas no Parlamento galego pedindo á Xunta que habilite axudas para o sector do marisqueo a pé e a flote, moi afectado na súa economía pola caída da demanda e, polo tanto, dos prezos.
Así o comunicaron a deputada do BNG no Parlamento Galego responsable de pesca e marisqueo, Rosana Pérez, o deputado responsable da comarca de Pontevedra, Luis Bará, e a tenente alcalde de Poio e portavoz municipal do BNG, Marga Caldas, nun encontro que mantiveron este martes coas agrupacións de mariscadoras, coas Confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó e con Ameconrra.
Os nacionalistas manifestáronlles o seu apoio para trasladar ao Parlamento galego as demandas dun sector estratéxico para Galicia, como é o do mar, que está a ser moi castigado pola crise da covid-19.
Entre os temas abordados, Luís Bará citou a dragaxe do Lérez, unha reivindicación que vén de vello e que ten unha grande incidencia tanto na navegabilidade do río como no aproveitamento marisqueiro, un tema urxente do que o BNG xa presentou unha nova iniciativa na que se insta "á Xunta de Galiza a realizar unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría".
Así mesmo os deputados nacionalistas informaron que o BNG logrou un acordo unánime do Parlamento, dentro do seno da Comisión de Pesca, para que os fondos non executados da liña de axudas ao marisqueo polo cese de actividade durante o estado de alarma, dotada con 5,2 millóns de euros, sexan de novo destinados ó sector.
Pola súa banda, Marga Caldas afirmou que desde o goberno municipal de Poio se ten un contacto directo co sector do mar, do que viven máis de 500 mariscadoras de a pé e un cento de barcos de a flote.
A portavoz nacionalista lembrou que na primeira fase da pandemia a Xunta deixou de lado ao sector do mar e o Concello de Poio tivo que facerse cargo de todas as medidas de protección e de todas as súas necesidades.
Outros asuntos que se abordaron nas reunións foron a necesidade de que a Xunta actúe na Lonxa de Campelo mellorando a súa a accesibilidade e ampliando as zonas comúns, e facilite material de protección para traballar con todas as garantias anti covid19.