A pretendida fusión entre os municipios de Cotobade e Cerdedo atopouse cunha nova oposición, a do BNG. Os nacionalistas entenden que os "supostos" beneficios que ambos os alcaldes están a trasladar aos veciños "non son tales", xa que aseguran que este proxecto non conta con ningún proxecto de viabilidade e os datos actuais "indican todo o contrario" respecto ao seu futuro.
Así o sinalou o portavoz do BNG en Cotobade, Anxo Santomé, que lamenta que todo este proceso iniciouse dunha forma "escura, pouco transparente e sen contar coa opinión da xente", xa que responde, dixo, a "intereses partidistas".
Pero o peor para o BNG é que os alcaldes de ambos os municipios "mienten" aos veciños, xa que aseguran que as contas "non dan".
Coa fusión pasaríase dos 5.000 habitantes, pero Anxo Santomé apunta que co actual ritmo de perda de poboación en "poucos anos" o novo concello volvería estar por baixo desa cifra, co que cun orzamento similar ao de Cotobade, próximo aos dous millóns de euros, "haberá que atender a un concello aínda máis grande", co que os servizos que hai na actualidade "veranse drasticamente reducidos".
Ademais, o portavoz nacionalista lembra que segundo a Lei Orgánica de Poder Xudicial, só poderá existir un xulgado de paz e un rexistro civil, polo que coa fusión uno deles terá que desaparecer, obrigando aos veciños de Cerdedo a desprazarse a Cotobade ou viceversa.
Tamén mostran a súa preocupación desde o BNG no feito de que Cerdedo pertence ao partido xudicial da Estrada e Cotobade ao de Pontevedra. Se o concello resultante queda adscrito ao primeiro, sinala Anxo Santomé, as consecuencias para Cotobade serían "funestas" xa que "teriamos que facer todas as xestións xudiciais na Estrada ou Lalín".
Para Santomé, esta fusión será a "morte" de Carballedo, xa que coa fusión os principais núcleos do novo concello serían Tenorio e Cerdedo, que "acumularían os servizos", polo que sospeitan que se pecharía o colexio de Carballedo e o centro médico, xa que "o lóxico" é que o Sergas decida agrupar en Cerdedo os servizos que actualmente están en Carballedo ao contar cun maior núcleo de poboación e un PAC de Urxencias.