O BNG só logra o apoio do PSOE para pedir que a dragaxe da ría non espere a 2018

Pontevedra
17 de xaneiro 2017

O asunto debateuse este martes no Parlamento de Galicia na comisión de Ordenación do Territorio da proposición non de lei presentada polo BNG para reclamar unha partida do Orzamento do 2017 para licitar o proxecto. Recibiu o rexeitamento de En Marea e o PP

Magín Froiz e David Cal recollen lodo no río Lérez
Magín Froiz e David Cal recollen lodo no río Lérez / PontevedraViva

A dragaxe da Ría de Pontevedra longamente demandada deberá agardar ata o ano 2018. Xa era unha noticia anunciada nas últimas semanas, pero este martes recibiu a confirmación no Parlamento de Galicia durante o debate na comisión de Ordenación do Territorio da proposición non de lei presentada polo BNG para reclamar unha partida do orzamento do 2017 para licitar o proxecto.

O deputado nacionalista Luís Bará reclamou que se executara este ano "nunha única fase", pero o portavoz de Medio Ambiente do PP, Martín Fernández Prado, asegurou que Portos de Galicia axilizará ao máximo a aprobación do proxecto para poder licitar as obras durante o ano 2018.

Bará lembrou que despois de seis anos de tramitación sen que o proxecto se execute estanse a producir "graves consecuencias" para o sector do mar ao impedir a rexeneración e recuperación dos bancos marisqueiros e, de maneira especial, á actividade marisqueira a flote. O BNG comparte a preocupación dos sectores marisqueiro e da navegación deportiva ante o retraso acumulado do proxecto.

A proposta do BNG recibiu o apoio do PSdeG-PSOE e o rexeitamento de En Marea e o PP. A pesar de que non logrou sacala adiante, Bará defende a súa necesidade para que non queden os barcos en seco e sostén que, pese á complexidade da obra e controis ambientais, "o retraso das obras non é xustificado".

O nacionalista pediu celeridade para o inicio do proxecto unha vez que Portos de Galicia mudou de actitude, pero o 'popular' non fixo caso á súa petición. Martín Fernández asegurou que o PP é "plenamente consciente" da necesidade de solventar os problemas de calado na Ría de Pontevedra, pero a administración "non pode incumprir nin obviar ningún dos trámites obrigatorios que se prevén na lexislación ambiental para estas actuacións

Ao respecto, lembrou que o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 11 de xaneiro a resolución pola que se somete a información pública o anteproxecto e o estudo de impacto ambiental da dragaxe da Ría de Pontevedra e a desembocadura do río Lérez e neste momento estanse a recibir as alegacións, de modo que "o tempo de resposta variará en función do número de alegacións que se acheguen e da dificultade da resposta".

Ademais, asegurou que Portos de Galicia está en contacto permanente cos responsables do Concello de Pontevedra e coa Confraría de Pescadores, mantendo reunións informativas nas que da conta do estado da tramitación e recolle as súas propostas para acadar os mellores resultados e facer posible no futuro as actividades marisqueiras nesta zona.