O BNG sinala ao PP coma o "máximo responsable da estafa das peaxes da AP-9"

Pontevedra
27 de febreiro 2020

O deputado do BNG Luís Bará criticou este xoves con dureza as declaracións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda sobre as peaxes da AP-9 e a recente sentenza do xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra que condena a Audasa por cobros abusivos nas peaxes durante as obras de ampliación da ponte de Rande

Cabinas de peaxe da autopista AP-9
Cabinas de peaxe da autopista AP-9

O deputado do BNG Luís Bará criticou este xoves con dureza as declaracións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda sobre as peaxes da AP-9 e a recente sentenza do xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra que condena a Audasa por cobros abusivos nas peaxes durante as obras de ampliación da ponte de Rande.

Bará lembrou que estes cobros abusivos producíronse entre 2015 e 2018, mentres gobernaba o PP en Galicia e en Madrid, e contaron coa "complicidade" dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, "que non fixeron nada para evitalos e mesmo os xustificaron reiteradamente".

O deputado nacionalista sinalou que o BNG presentou propostas para evitar estas situacións, nomeadamente a aprobación dun protocolo para o levantamento das peaxes no caso de retencións como as que se produciron na ponte de Rande por mor das obras de ampliación: "O que non é de recibo é que os atascos acabasen convertidos en atracos, xa que as persoas usuarias tiveron que pagar a peaxe a pesar sufrir retencións kilométricas na autoestrada".

Facendo referencia ás datas festivas, Bará pediulle a Rueda e ao PP que "quiten a careta do entroido, porque debaixo hai unha cara de cemento armado: foron cómplices e colaboradores necesarios dos abusos e agora pretenden erixirse en defensores das persoas estafadas".

Bará engadiu que "os gobernos do PP en Galiza e Madrid protagonizaron un acto bochornoso e infame: no último día hábil de 2017 premiaron á concesionaria coa apertura ao tráfico dos carrís exteriores da ponte antes de que rematasen as obras, coa única finalidade de aplicar en 2018 os incrementos das peaxes derivados do convenio asinado en 2011 polo goberno do PSOE para financiar as obras de Rande".

Ao mesmo tempo, o deputado do BNG sinalou a responsabilidade do  PP e do PSOE na "estafa das peaxes" e considerou "lamentable" o papel da Avogacía do Estado e do Ministerio de Fomento durante o xuízo celebrado en Pontevedra.

O deputado do BNG calificou de "caradura e senvergoña" a Rueda por afirmar que esta situación non se produciría se a autoestrada estivese transferida e por dicir que o PP levaba desde 2009 reclamando a traspaso da AP 9: "A realidade é que a Xunta de Feixóo non foi quen de conseguir ningunha transferencia en 11 anos, nin cando gobernou o PSOE en Madrid nin nos 6 anos de goberno de Rajoy con Ana Pastor como ministra de Fomento".

Segundo Luís Bará, "o único certo é que o PP opúxose e vetou reiteradamente a transferencia da AP 9 a Galiza, tanto con informes do ministerio de Fomento como opoñéndose en 2016 e 2017 na mesa do congreso, presidida por Ana Pastor, a tramitar o proxecto de lei de transferencia da AP9 aprobado por unanimidade polo parlamento galego". Daquela, a Xunta e o Ministerio de Fomento crearon unha comisión bilateral de seguimento da xestión da autoestrada que mirou para o outro lado mentres se producían os reiterados atascos e o cobro abusivo de peaxes na ponte de Rande.

O deputado nacionalista sinalou que por primeira vez se albisca a posibilidade de que Galiza asuma a xestión da AP9 e que en lugar de subir comecen a baixar as peaxes e "isto é posible polo acordo de investidura asinado polo BNG e porque o deputado nacionalista Néstor Rego está a facer o que non fixeron en máis dunha década nin o PP nin o PSOE".