O BNG rexeita o proxecto de ACS para un parque eólico con 11 aeroxeradores nos montes do Morrazo

Marín
15 de novembro 2021

 A responsable nacionalista lamenta que a súa proposta de facer unha Declaración Institucional de rexeitamento a este proxecto non fora aceptada polos outros dous grupos presentes na Corporación Municipal, PP e PSOE

Parque eólico
Parque eólico / Juan Mejuto

O BNG de Marín amosou este luns o seu rexeitamento ao proxecto da empresa ACS, presidida por Florentino Pérez, para os montes do Morrazo, unha vez que se deu a coñecer que ten interese en impulsar un parque eólico con 11 aeroxeradores, varios dos cales estarían ubicados no concello de Marín.

A voceira municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, lembra que o BNG xa se opuxo ao anterior proxecto do parque eólico Pedras Negras, que contou co rexeitamento da Corporación Municipal de Marín, coa abstención do PP. Agora que a empresa italiana Enel Green Power España renunciou á instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo e se puxo sobre a mesa este novo proxecto de ACS, volven opoñerse.

A responsable nacionalista lamenta que a súa proposta de facer unha Declaración Institucional de rexeitamento a este proxecto non fora aceptada polos outros dous grupos presentes na Corporación Municipal, PP e PSOE.

O BNG lembra a súa aposta por un modelo de enerxía eólica "sustentable, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación" e sinala que, para esta formación política, a instalación dun parque eólico no Morrazo, con varios aeroxeradores no noso concello, é "incompatible" coa prevalencia de usos comunais, polo que apostan por preservar os Montes do Morrazo como montes periurbanos con vocación paisaxística, etnográfica, social, xeolóxica e natural.

Para os nacionalistas, estes proxectos escenifican o modelo aceptado pola Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo, pois "ante o abandono do actual modelo de enerxías fósiles vemos como as grandes multinacionais encontran en Galicia todo tipo de facilidades para desenvolver os novos proxectos repetindo por enésima vez o modelo de espolio e depredación ao igual que aconteceu cos encoros ou co modelo forestal baseado no eucalipto".

Arquivado en