"O BNG representa o ideario de Bóveda actualizado á Galiza de 2022"

Pontevedra
18 de agosto 2022

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto co que o Bloque conmemorou o Día da Galiza Mártir e rendeu homenaxe á figura de Bóveda. Foi un acto celebrado na Praza de Curros Enríquez e no que tamén participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Andrea Ferrer, en representación de Galiza Nova

Acto do BNG para conmemorar o Día da Galiza Mártir
Acto do BNG para conmemorar o Día da Galiza Mártir / Cristina Saiz

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o papel do BNG como a forza política que representa hoxe en día, "desde a humildade, pero con orgullo e ambición", os ideais de Alexandre Bóveda, "o seu ideario actualizado á Galiza de 2022", e o compromiso para "construír un País con futuro".

Así o asegurou durante o acto co que o Bloque conmemorou o Día da Galiza Mártir e rendeu homenaxe á figura de Bóveda, acto celebrado en Pontevedra e no que tamén participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e Andrea Ferrer, en representación de Galiza Nova.

Durante a súa intervención, Pontón afirmou que o BNG ten un "proxecto de País para construír esa outra Galiza posible". No seu discurso Pontón defendeu unha Facenda galega "recadar o 100% dos nosos impostos" e fixar as prioridades de gasto e investimento en función das necesidades de Galicia "e non dende un centralismo madrileño que discrimina e fai caixa con Galiza".

"A ese PP e PSOE que actúan como sucursais do centralismo madrileño máis letal temos que recordarlles que ninguén nos regala nada; ao contrario, o Estado -antes e agora- recada en Galiza máis do que inviste", subliñou.

A portavoz nacional do BNG tamén amosou a súa "tristeza e a carraxe" ante unha terra que arde. "Basta de escusas e de propaganda, e, sobre todo, basta de abandono do medio rural, de ter o territorio literalmente a monte, sen ordenar e sen xestionar. Basta dunha política forestal fracasada e ao ditado de Ence", reclamou, para apuntar a continuación que "esta vaga de lumes, os máis grandes da historia, debe ser un punto de inflexión para mudar o modelo fracasado do PP e para sentar as bases dun rural vivo, produtivo e con servizos".

Neste sentido, considerou urxente loitar contra o cambio climático porque "non vale actuar como fai o PP en Galiza, con eslogans e a propaganda da transición verde", xa que, segundo advertiu, "a súa transición verde consiste en poñer o rural do noso País nas mans de grandes multinacionais para que as incen de eólicos e de eucaliptos, nun sistema extractivo e depredador que leva os beneficios para fóra e deixa grande parte do noso País desertizado e degradado".

Por iso, avogou por desenvolver un novo modelo eólico respectuoso co medio e coas persoas, de participación pública e comunitaria, xusto no social e sustentable no ambiental, "un modelo, en definitiva, que xere riqueza e traballo para o País e para a maioría social".

Neste contexto, Pontón apostou por poñer a vista no futuro porque, segundo recalcou, "queremos abrir un tempo novo para Galiza, un tempo de xustiza e prosperidade". "Estou segura que nestes momentos de incerteza só hai unha saída: confiar nas nosas forzas, confiar en Galiza, poñer o País a producir, modernizalo, xerar riqueza e repartila con xustiza e equidade", apuntou.