O BNG reclama á Xunta que se poña á fronte das negociacións para a saída de ENCE da ría

Pontevedra
26 de abril 2021

O deputado do BNG Luís Bará presentou este luns no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que reclama ao goberno galego que exerza as competencias que ten en materia de medio ambiente, ordenación do territorio e desenvolvemento industrial

Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego
Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego / BNG

O deputado do BNG Luís Bará presentou este luns no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que reclama ao goberno galego que exerza as competencias que ten en materia de medio ambiente, ordenación do territorio e desenvolvemento industrial e "que se poña á fronte" das negociacións para a saída de Ence da ría de Pontevedra.

Bará considera que "estamos diante dunha oportunidade para sacar a fábrica da ría e para desenvolver un novo proxecto industrial que peche o ciclo produtivo en Galicia".

Xunto con esta proposición non de lei, o BNG rexistrou unha interpelación e preguntas parlamentarias ao goberno para que dea conta das xestións que está a realizar sobre unha eventual saída de Ence da ría de Pontevedra. 

Entre outras cuestións, o deputado nacionalista Luís Bará pregunta sobre a viabilidade da construción dunha nova factoría que peche o ciclo produtivo, sobre os efectos positivos que podería ter este proxecto para a ría de Pontevedra e para o emprego e sobre as previsións de desenvolvemento dunha nova política forestal e para o monte baseada nos principios da biodiversidade e da multifuncionalidade.

CONTAMINACIÓN POR MERCURIO

Ademais das iniciativas sobre o traslado de Ence, o BNG tamén rexistrou a pasada semana unha petición de comparecencia no parlamento, na comisión de medio ambiente, da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático "para que dea conta dos alarmantes informes sobre contaminación por mercurio nos terreos e na contorna de Elnosa e Ence e sobre os potenciais riscos para a saúde da poboación, para as augas superficiais e subterráneas, para as augas da ría e para as actividades pesqueiras e marisqueiras".