O BNG reclama á Xunta licitar a variante de Alba en 2017

Pontevedra
29 de novembro 2016

O deputado Luís Bará presentou unha proposición non de lei para que o próximo ano se acometa esta conexión norte en Pontevedra, unha infraestrutura "imprescindible" para mellorar a mobilidade nesta zona da cidade

Parlamento galego
Parlamento galego

A variante de Alba é unha das demandas históricas de Pontevedra. Nos últimos meses, a Xunta de Galicia anunciou que encargará un proxecto para este viario, que busca unir as estradas a Vilagarcía (PO-531) e a Caldas de Reis (N-550). Pero desde o BNG queren acelerar os trámites e que se poida licitar a súa construción en 2017.

O deputado Luís Bará presentou unha proposición non de lei para que o próximo ano se acometa esta conexión norte en Pontevedra, unha infraestrutura "imprescindible" para mellorar a mobilidade nesta zona da cidade.

A variante permitiría, segundo o BNG, contar cunha conexión directa e coas condicións técnicas adecuadas para conectar ambas as estradas, e posibilitará o desvío ao norte da cidade dunha gran cantidade de vehículos pesados que actualmente atravesan Pontevedra por Domingo Fontán, Juan Manuel Pintos e Avenida de Compostela.

Ademais, destacan que evitaría os accidentes que se producen na ponte do ferrocarril en San Caetano (Alba) debido á súa gálibo e permitiría dar outro uso á estrada PO-225, resolvendo os problemas de mobilidade, accesibilidade e seguridade peonil e ciclista nun ámbito polo que transcorre o Camiño Portugués.

Os nacionalistas lembran desde 2014 "non houbo ningún trámite administrativo nin ningunha decisión política" para aprobar e executar un proxecto que "quedou gardado no caixón das promesas repetidas e incumpridas do goberno de Núñez Feijóo".

Na proposición non de lei, o BNG pide á Xunta que axilice e impulse a construción da variante de Alba, aprobando un proxecto definitivo que sexa acordado co Concello, o inicio do trámite de exposición pública e se introduza unha partida no orzamento da Xunta para 2017 que permita licitar a obra.

Ao mesmo tempo, Bará insta á Xunta a que desenvolva actuacións encamiñadas a mellorar a mobilidade e a seguridade viaria de peóns e ciclistas na estrada PO-225, concretamente na zona de San Caetano por onde transcorre o Camiño Portugués.

Arquivado en