O deputado do BNG, Luís Bará, preguntou en comisión parlamentaria sobre o prazo para licitar e executar o proxecto de dragaxe da canle de acceso ao porto de Pontevedra no río Lérez e o presidente de Portos de Galicia lembrou que o ente público ten "vontade política" de facelo e que xa está redactado e sometido a información pública o proxecto dende o pasado ano, "pero que as discrepancias internas das confrarías paralizaron o inicio da tramitación ambiental".
Bará afirmou que "a vontade política" exprésase con licitacións no DOG, orzamentos e sobre todo, "coa execución das obras".
Pero o responsable deste ente público replicou que "manteremos a filosofía permanente da Consellería do Mar de procurar o consenso do sector marítimo portuario arredor de calquera investimento que propoñemos" e especialmente nunha actuación desta envergadura, dixo Durán.
O goberno municipal, a corporación municipal e o sector reclaman a drenaxe e a única discrepancia reside no lugar no que se verten os materiais. Neste senso o nacionalista Luis Bará dixo que "si vostedes están dispostos a cambiar o punto de vertidos resolverase o problema" e será posible "un río dragado, produtivo e navegable como merece Pontevedra".
Jose Juan Durán subliñou que o punto de vertido elixido conta con todos os avais técnicos e a Xunta mantén a capacidade orzamentaria para tramitar a obra no momento en que conte con acordo global.
O parlamentario do BNG advertiu que o consenso non vai ser posible pero si un acordo maioritario con "valentía e determinación" para levar adiante as obras e de existir "algunha discrepancia", puntualizou, haberá que buscar unha solución como xa se ten feito noutras ocasións.
Durán Hermida dixo que a falta de consenso no sector se puxo de manifesto no período de presentación de alegacións no que se recibiron 16, entre elas as dos colectivos solicitantes do proxecto, as confrarías da ría. Ademais lembrou que un cambio neste punto de verquido suporía a volta atrás do proxecto, téndose que repetir os estudos ambientais coa conseguinte dilatación dos prazos, que fixou "nun mínimo de varios meses".