O BNG protagoniza concentracións para denunciar o recorte de servizos en Abanca

Marín
07 de setembro 2021

Segundo explicou Luís Bará esta protesta "forma parte dunha ofensiva social e institucional lanzada dende o BNG fronte ao peche das oficinas bancarias e para denunciar os abusos e espolio bancario"

Concentración do BNG fronte unha sucursal de Abanca
Concentración do BNG fronte unha sucursal de Abanca / BNG

Durante a xornada deste martes o BNG protagonizou actos de protesta para denunciar o recorte de servizos en Abanca.

En Poio, o alcalde Luciano Sobral, compareceu diante da oficina de Abanca en Campelo e o parlamentario do BNG Luís Bará participou nunha concentración diante da oficina de Abanca na rúa Jaime Janer de Marín, xunto coa portavoz local do Bloque Lucía Santos e un grupo de militantes da localidade.

O BNG denuncia que o desmantelamento de oficinas bancarias está afectando negativamente á veciñanza. Segundo manifesta Luís Bará as protestas de hoxe forman parte dunha "ofensiva social e institucional" lanzada dende a formación nacionalista "para denunciar os abusos e espolio bancario".

O deputado do BNG dí que "o peche das oficinas de Abanca é tan só a punta do iceberg, pero que significa a perda dun importante servizo financieiro para as zonas de rural".

"Esta actuación desmonta claramente a mensaxe do PP a favor do rural porque o que están facendo con isto é desmantelando e liquidando o rural e parroquias que contan con actividade económica", engadiu.

O parlamentario do BNG afirma que "Abanca tamén está penalizando ás persoas con menos recursos económicos, aplicando comisións abusivas e horarios restrinxidos, ademais de levar a cabo unha exclusión xeracional por idade, xa que están incrementando de maneira desmesurada os servizos telemáticos, obrigando á utilización da banca electrónica o que o fai inaccesíbel ás persoas maiores".

Bará denuncia que "o máis escandaloso da situación é que isto se produce precisamente cando a banca está gañando diñeiro a esgalla: 1.600 millóns o Santander, 1.200 millóns o BBVA, ou a propia Abanca cuns beneficios de máis de 150 millóns, e que ademais veñen de anunciar que este ano están gañando máis. Isto acontece despois de que Abanca fora beneficiada con máis de 60 mil millóns de fondos públicos, cartos que pagamos entre todos con sacrificos sociais e que a entidade financieira non tivo que devolver".

Luis Bará di que "resulta escandaloso e perverso que dende o goberno da Xunta non só non fan fronte a esta situación, senón que son cómplices do desmantelamento, convocando axudas de 2,8 millóns de euros destinadas a premiar o peche de oficinas, subvencionando caixeiros automáticos con cartos públicos en locais cedidos polos concellos".

É por isto que Luís Bará anuncia que na vindeira semana o BNG trasladará esta problemática a debate no Parlamento Galego "para que o PP faga fronte a esta situación, xa que o goberno da Xunta ten instrumentos e capacidade política para intervir neste tema".