O BNG de Moraña propón que, no caso dunha suspensión definitiva dos actos festivos dos meses de xuño ou agosto, nomeadamente a Festa do Carneiro ao Espeto, o goberno municipal reverta ese presuposto nos plans de reactivación económica e social.
Concretamente, os nacionalistas propoñen que eses cartos incrementen as partidas para o servizo de axuda no fogar, o reforzo educativo do alumnado máis novo e a atención directa a maiores, ademais de destinar cando menos un 30% dese presuposto á realización de concertos e outros eventos socio-culturais de pequeno formato priorizando a actuación de artistas locais e o fomento da cultura galega.
Esta idea forma parte dunha "batería de propostas para a recuperación social" que o BNG de Moraña vén de rexistrar no Concello co obxectivo de que ningún veciño "quede atrás" nesta fase da pandemia, unha vez superado o punto crítico a nivel de saúde.
Para o voceiro municipal da organización nacionalista, Marcos Suárez, "este é o momento de poñer en marcha políticas e medidas atrevidas, valentes e decididas, xa que hai moitas familias que non poden agardar máis debido á situación provocada polos efectos da COVID-19 e precisan axuda".
Afirma Suárez que a intención do BNG é debater e aprobar todas estas propostas no vindeiro pleno pero están abertos a "sentarnos canto antes, explicarllas ao goberno municipal e poder chegar a acordos ao respecto".
Outra das propostas é que o goberno municipal estableza un bono de axuda mensual destinado a compras de primeira necesidade dentro do comercio local para estas unidades familiares, sempre que non superen os 1.200 euros de ingresos, e aumentar as axudas directas ás familias para a "adquisición de material escolar e roupa deportiva de cara ao vindeiro curso".
Igualmente suxiren que se habiliten diversas bonificacións como a do 20% en cada compra superior a 50 euros dentro do noso comercio ou a axuda do 50% a cada viaxe da veciñanza en taxi dentro do termo municipal para realizar compras, asistir ao centro médico ou outras necesidades.
Outra das medidas propostas pola formación nacionalista é o establecemento "dun servizo dirixido a unidades familiares de veciños maiores de 65 anos para a realización e traslado domiciliario das súas compras ou para a atención directa doutras necesidades" segundo explicou o concelleiro nacionalista.