O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar un conxunto de iniciativas no Parlamento galego para reactivar o proxecto de dragaxe do río Lérez, que arrastra case dez anos de demora, ante a imposibilidade por parte das autoridades autonómicas de atopar unha solución para o tratamento dos lodos que se extraian do río.
O deputado nacionalista Luís Bará presentou unha proposición non de lei coa seguinte proposta de acordo: "O Parlamento insta á Xunta de Galiza a realizar unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría."
Precisamente as solucións achegadas desde Portos de Galicia só contemplaban o depósito destes lodos no mar, nunha primeira proposta fronte á ría de Pontevedra e posteriormente na Ría de Arousa. En ámbolos dous casos, varios bancos marisqueiros e zonas de pesca poderían verse afectados.
Estas circunstancias provocaron o retraso do proxecto de dragaxe do Lérez que iniciou a súa tramitación en 2011 e que non só afecta ao río, senón que tamén contemplaba a rexeneración dos bancos marisqueiros no treito final do Lérez e do fondo da ría de Pontevedra, en aproximadamente 4,3 km entre o Clube Naval e Os Praceres.
O BNG lembra unha cronoloxía neste asunto que non fai máis ca dilatar o problema. En 2017, o Diario Oficial de Galicia publicaba o anteproxecto da dragaxe e o estudo de impacto ambiental e abriuse o período de exposición pública para a presentación de alegacións. En relación co impacto ambiental das obras, as confrarías manifestaron a súa discrepancia coa previsión de depositar máis de 221.000 toneladas de sedimentos no mar, ao oeste da illa de Tambo e nos bancos marisqueiros entre Campelo e Combarro. Demandaron a modificación desta parte do proxecto, de maneira que os sedimentos se depositasen en mar aberto, fóra das augas da ría de Pontevedra.
Engade que en 2019 Portos de Galicia anunciou a intención de trasladar os depósitos a un punto de vertido situado na ría de Arousa, nas proximidades da illa de Sálvora, proposta que suscitou o rexeitamento do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa.
No mesmo 2019, o parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta á elaboración dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garante que estes non afectarán a ningunha das rías galegas.
Malia este acordo, laméntase dende o grupo parlamentario do BNG que tanto a conselleira do Mar como a directora de Portos de Galicia seguiron defendendo a proposta de depositar os lodos na ría de Arousa e desbotaron a posibilidade de retiralos e tratalos en terra polo seu alto custo e pola incidencia do tráfico de camións no centro da cidade de Pontevedra.
Por este motivo, o BNG pide que se cumpra o referido no acordo parlamentario para o que considera que a única vía é modificar o proxecto e incluír o tratamento en terra dos lodos que pola súa composición e potencial risco non poden ser depositados en ningunha das rías galegas. Segundo manifesta o deputado do BNG Luís Bará "mudaron os tempos e o mar non pode seguir sendo considerado un vertedoiro que reciba todo tipo de residuos. Polo tanto a solución lóxica e sustentábel, aínda que sexa máis cara, é trasladar os lodos a terra e tratalos por un xestor autorizado".