Nun acto celebrado no local social do Gorgullón, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, anunciou que se gobernan promoverá dende a Xunta de Galicia a creación dun 'Consorcio para a capacitación e as competencias dixitais'.
No encontro estivo con persoas do sector das TIC, da discapacidade, persoas maiores, mocidade, mulleres e persoas de ámbitos urbanos e rurais, para avaliar e coñecer todas as dificultades que teñen no día a día na súa relación coa tecnoloxía e así propoñer unha solución.
Bará destacou que é "unha prioridade" que a tecnoloxía sexa inclusiva e non deixe a ninguén atrás, porque "ten que garantir, ante todo, a equidade e calidade de vida de toda a poboación".
É por iso que propón a creación deste consorcio e así afrontar a alfabetización da sociedade, a accesibilidade da administración, para que se adapte ás distintas necesidades da xente. Tamén quere garantir a conexión de banda ancha en todo o territorio ademais de garantir a competitividade das empresas dos sectores produtivos, das pemes, das cooperativas, do comercio, e do turismo.
Finalmente, tamén se comprometeu a desenvolver un Departamento de tecnoloxías intelixentes para planificar o desenvolvemento da intelixencia artificial e anticiparse de maneira proactiva ás transformacións económicas, sociais e culturais que leva asociadas de maneira que tamén se garanta o cumprimento de criterios éticos, inclusivos, e sociais no desenvolvemento tecnolóxico e dixital.
Para iso, haberá programas de formación permanente e actualización, plans formativos de e-comercio e e-turismo, un programa de dixitalización e competencias dixitais no ensino e un programa de dixitalización de arquivos, bibliotecas e bens culturais, entre outras actuacións.