O BNG propón á Xunta que negocie co Concello para buscar terreos para o traslado das súas instalacións na Xunqueira de Alba

Pontevedra
14 de decembro 2022

A Axencia Galega de Infraestruturas está disposta a trasladar as súas instalacións na Xunqueira de Alba se o Concello presenta unha localización alternativa

ENIL da Xunqueira de Alba
ENIL da Xunqueira de Alba / Concello de Pontevedra

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, amosou a disposición da Xunta a trasladar as súas instalacións na Xunqueira de Alba sempre que o Concello de Pontevedra presente unha proposta e financie o traslado.

Foi a resposta que lle deu este mércores ao deputado do BNG, Luís Bará quen preguntou ao goberno sobre as previsións da Xunta para abandonar eses terreos públicos "ocupados de maneira ilegal" no Espazo Natural de Interes Local (ENIL) da Xunqueira.

Bará propuxo que a Xunta negocie co concello de Pontevedra para buscar terreos alternativos adecuados como “un parque empresarial” e lembrou que o propio alcalde de Pontevedra propuxo ao presidente da Xunta "traballar na recuperación da zona", cun proxecto e partida económica nos orzamentos do ano 2023. 

O BNG pide á Xunta que abandone os terreos públicos ocupados de "maneira ilegal" na Xunqueira do Alba e replicou que a Xunta segue "botando balóns fóra".

Francisco Menéndez lembrou que "a responsabilidade sobre o ENIL é do Concello de Pontevedra que debería ter incluida a planificación e asignación de recursos necesarios, que é o que determina a lei" e insistiu en que ese equipamento da Xunqueira "non o construíu a Xunta de Galicia" senón que lle foi transferido en 1973. É un espazo de case 7.000 metros cadrados.

"Non se ten recibido por parte de Costas do Estado comunicación acerca da caducidade da concesión", asegurou o director da Axencia Galega de Infraestruturas. 

Menéndez asegurou que é un "centro loxístico en pleno uso", que serve de base de conservación de estradas de titularidade autonómica polo que "o lóxico é que o promotor ofreza alternativas para o traslado dese servizo" xa que "están vinculadas a un servicio público e deben ser restituidas nalgún sitio".

"Eu como director da Axencia Galega de Infraestruturas digo que, oficialmente, do promotor, xestor e responsable do ENIL non temos recibido ningunha proposta formal de reubicación desas instalacións" dixo Menéndez, "non temos nin proposta diso nin proposta de financiamento, en realidade non temos proposta oficial de nada", engadiu.

Pola súa banda, Luis Bará insistiu en que os terreos "son de dominio público marítimo-terrestre" e mostrou unha resposta do goberno afirmando que na Xunqueira de Alba "non existe ningunha concesión vixente".

Por outra parte, considerou que o espazo "está degradado" e urxe a súa rexeneración ambiental. Para o deputado, non existe ningunha escusa para o traslado e  lembrou que  a Consellería de Medio Ambiente ven de redactar a  Estratexia de Infraestrutura  Verde  que declara "prioritario" este espazo polo seu carácter de  humidal que debe  ser rexenerado.

A xuízo do deputado do BNG, a Axencia Galega de Infraestruturas persiste no error e continúa "facendo trampas" porque a Consellaría de Medio Rural ten tamén unha edificación de talleres e base de bombeiros forestais, que segundo información ofrecida polo Director Xeral de Defensa do Monte en sede parlamentaria van ser substituídos por ubicacións alternativas previstas en Botos (Lalín) e no Campiño (Pontevedra), e este traslado será "asumido por Medio Rural porque nin o equipamento nin os terreos son propiedade do concello".

O parlamentario nacionalista lamentou que por parte da Axencia Galega de Infraestruturas non exista un "compromiso real"  para deixar libres os espazos públicos ocupados e perder a oportunidade de "cumprir" a lei respectando estes espazos de dominio público e destinalos a gañar un gran espazo verde e de lecer.

Asemade, Bará lembrou que a  Deputación de Pontevedra está a levar a cabo un proxecto de rexeneración ambiental do espazo ocupado polo parque de maquinaria e da imprenta provincial, con un investimento de máis de 3,6 millóns de euros, pero "nada se sabe das previsións, prazos e investimentos da Xunta para deixar libres os espazos do ENIL e levar a cabo a demolición das edificacións para rexenerar o espazo".