O BNG presenta unha batería de iniciativas parlamentarias contra o trasvase do río Verdugo

Pontevedra
12 de decembro 2017

O BNG pedirá a paralización deste proxecto, que se estuden diferentes alternativas e que se desenvolva un plan de actuación, en colaboración cos concellos, para mellorar a eficiencia dos sistemas de captación, almacenamento e abastecemento de auga, co obxecto de reducir sensibelmente as perdas que se producen, que segundo diferentes estudos poden chegar ao 30%

Manifestación en Soutomaior contra o trasvase do Verdugo
Manifestación en Soutomaior contra o trasvase do Verdugo / PontevedraViva

O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ven de presentar una batería de iniciativas sobre o trasvase de auga do río Verdugo ao río Oitavén, co obxecto de subministrar auga ao encoro de Eiras, que abastece a Vigo e a 11 concellos máis do sur da provincia de Pontevedra.

Os nacionalistas argumentan que o trasvase suporía retirarlle ao río Verdugo case a metade do caudal, tería un forte impacto nunha área protexida pola Rede Natura e influiría tamén negativamente na desembocadura do río e nos bancos marisqueiros e pesqueiros do fondo da ría de Vigo.

Asemade o Bloque sinala que Augas de Galicia ten a intención de instalar 6,5 quilómetros de tubaxes desde a canle de Laforet en Ponte Caldelas até o lugar de Aranza en Soutomaior pola vía de emerxencia, sen estudo de impacto ambiental e sen contar cos informes sectoriais e dos concellos afectados.

O BNG pedirá a paralización deste proxecto, que se estuden diferentes alternativas e que se desenvolva un plan de actuación, en colaboración cos concellos, para mellorar a eficiencia dos sistemas de captación, almacenamento e abastecemento de auga, co obxecto de reducir sensibelmente as perdas que se producen, que segundo diferentes estudos poden chegar ao 30%.

Ademáis os nacionalistas queren saber que estudos de impacto realizou Augas de Galicia para acometer esta obra, e se considera o Goberno galego que está xustificada a urxencia e a emerxencia se a obra vai estar rematada en 3 ou 4 meses.

 

Arquivado en