O grupo municipal do BNG acaba de presentar alegacións no rexistro do Concello de Cerdedo-Cotobade contra a liña de alta tensión Os Cotos.
O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira lembrou que esta liña de alta tensión do parque eólico dos Cotos cara Ponte Sampaio atravesa numerosos núcleos habitados "e vai causar unha gran afección tanto ao patrimonio natural e forestal, como ás augas e á calidade de vida das persoas dos núcleos polos que pasaría", afirmou.
Nas alegacións presentadas polo Bloque faise fincapé na "división artificiosa de proxectos" na mesma área e coas mesmas liñas de evacuación, para "furtar" a avaliación ambiental do conxunto das infraestruturas.
Tamén advirte o BNG da "ausencia" dunha planificación eólica "ordenada e coherente" co deseño eólico plasmado na Lei galega 8/2009; e na ausencia de informe de repercusión dos parques sobre a Rede Natura 2000.
Por último nestas alegacións recalcan que o proxecto carece de interese social e utilidade pública, "tendo en conta que responde a un interese estritamente mercantil". Ademais, Filgueira afirma que "non se garante a non afección aos acuíferos e á calidade das masas de auga tanto superficiais como soterradas".
Filgueira destacou que a oposición a este proxecto, "que supón un ataque contra o país, contra o medio e contra as persoas que viven no rural", tamén foi acordada no Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade mediante unha moción presentada polo BNG que foi aprobada na sesión do pasado 28 de setembro.