O candidato á alcaldía de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, acompañado por membros do Concello Local do BNG, vén de rexistrar na Xunta de Galicia as alegacións da formación nacionalista ao proxecto eólico "Ampliación Penizas" que afecta á parroquia de Tomonde, en Cerdedo-Cotobade, e Liripio, Castrelo, Quintillán pertencentes aos concellos de Forcarei e A Estrada.
A empresa promotora do proxecto eólico é Greenalia Wind Power As Penizas SLU e ten como obxectivo instalar unha potencia de 10 megavatios a partir da colocación de dous aeroxeradores de 175 metros de altura, segundo o anuncio aparecido no Diario Oficial de Galicia do pasado venres 17 de marzo.
Un proxecto que se suma aos xa en tramitación como son A Rula, Tramontana, Sirico, Pedra longa e Cabanelas ademáis da aprobación, recibida "in extremis" pola Xunta a pasada semana, para a construción dos parques eólicos Os Cotos, Porto Vidros, Campo das Rosas, Monte Festeiros, As Penizas e Touriñán III-2.
Ernesto Filgueira lembra que estes parques están "todos na mesma zona e todos rexeitados pola veciñanza".
O candidato do Bloque á Alcaldía de Cerdedo-Cotobade destacou a "presión" e a "acumulación" de parques eólicos na zona con liñas de alta tensión, subestacións, apertura de pistas, polo que "faise insoportable de aceptar" xa que "son incompatibles coa vida nas parroquias e as actividades agrogandeiras e de turismo sostible claves para Cerdedo-Cotobade" di Ernesto Filgueira.
"Abonda xa do desprezo do PP ao noso concello", engade o candidato nacionalista.
"Non queremos ser un megapolígono eólico ao servizo das grandes enerxéticas amigas dun PP que xa está consumar o maior atentado contra Cerdedo-Cotobade coma nunca noutra se vira", afirmou o portavoz municipal e candidato á Alcaldía polo BNG, Ernesto Filgueira.