Restituír de forma simbólica a corporación municipal e os funcionarios do Concello de Pontevedra que foron represaliados e destituídos como consecuencia do levantamento fascista de 1936. ÿ a intención da moción que o BNG presentará ao próximo Pleno e que pretende servir de homenaxe a todos eles e ás súas familias, vítimas tamén de persecucións políticos e todo tipo de torturas, segundo o concelleiro Luis Bará.
O edil do BNG explicou que estes represaliados formaban parte dunha corporación "elixida democraticamente" e foron substituídos de forma ilexítima polas autoridades militares. Esta situación, recorda Luis Bará, supuxo o inicio dun período de persecución política e dunha violenta represión contra estas persoas, que representaban ideais republicanos, galleguistas e de esquerdas.
Entre eles, Bará citou o alcalde de Pontevedra naquela época, Bibiano Fernández Osorio Tafall, obrigado a exiliarse no estranxeiro; Manuel García Filgueira, que estivo oculto durante trece anos; ou Manuel Gama Casalderrey, cuxa condena a morte foi conmutada por prisión. Ademais, outros dous concelleiros foron asasinados: José Acuña Gallego en Ponte Sampaio; e Alberto Martínez Siscar en Bueu. O corpo deste foi fondeado na ría de Pontevedra.
Esta represión tamén se dirixiu contra moitos funcionarios do concello, que foron perseguidos, depurados e destituídos dos seus postos de traballo. De entre a vintena de vítimas, Luis Bará explicou o caso de Dionisio González Pérez, subcabo da Policía Local, condenado a morte e executado na Caeira; Juan Milleiro Sampedro, auxiliar da oficina de augas, executado na avenida de Bos Aires; ou o músico de banda municipal, Raimundo Rodríguez Neira, secuestrado e asasinado por un grupo de falanxistas de Marín.
Ademais, Luis Bará sinalou que nestes episodios desempeñaron un papel moi activo algúns concelleiros da corporación, que serán con esta moción obxecto de "repulsa e condena" e excluídas de calquera acto de homenaxe e recoñecemento. Todos eles foron cómplices, dixo, do que viviron moitos veciños de Pontevedra, "asasinatos, encarceramentos, torturas, malleiras, humillacións, rapados ou violacións, entre outras".
Tendo en conta a vinculación destas persoas con Pontevedra e considerando que nas actas do concello figuran estes feitos e que "nunca foron revisados nin condenados", o BNG entende que este acto simbólico é unha "obriga ética" e un acto fundamental de xustiza e de memoria colectiva, "tendo en conta que o coñecemento da verdade é parte indispensable do proceso de reparación das persoas que sufriron esta represión".
De aprobarse, o Concello de Pontevedra celebrará un acto de homenaxe o próximo mes de novembro. Nel preténdese contar con familiares das preto de 30 vítimas contabilizadas, entre concelleiros da corporación e funcionarios, destes episodios que recollen as actas municipais e as investigacións de profesores e historiadores como Xosé Álvarez Castro, que publicou o pasado ano o libro Pontevedra nos anos do medo.