O BNG pide ao Goberno central que libere os terreos da Xunqueira de Alba para crear unha gran zona verde

Pontevedra
14 de xuño 2023

Nétor Rego, o deputado do BNG no Congreso, achegábase co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aos terreos da Xunqueira de Alba e destacaron a necesidade de que na vindeira lexislatura se revertan as concesións administrativas deste espazo e promover a súa rexeneración e conservación 

Néstor Rego, Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde na Xunqueira de Alba
Néstor Rego, Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde na Xunqueira de Alba / BNG

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros integrantes da formación nacionalista en Pontevedra visitaban os terreos da Xunqueira de Alba.

Desta forma, o BNG mostraba a súa reclamación para que se rexenere e conserve o conxunto do espazo verde próximo ao núcleo urbano de Pontevedra. Neste sentido demandan que se revertan as concesións administrativas que aprobou o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que afectan a unha superficie de 17 hectáreas e das que son beneficiarias, neste momento, distintas administracións públicas.

Este mércores o BNG lembraba que o caso do humidal da Xunqueira de Alba foi presentado ao Congreso durante esta lexislatura pola formación nacionalista, esixindo ao Goberno a reversión desas concesións e a aposta por rexenerar este espazo verde.

Néstor Rego entende que o Goberno debe renunciar de forma voluntaria e anticipada ás concesións e empregar a propia Administración do Estado e proceder á liberación dos terreos co obxectivo de destinalos a crear unha gran zona verde. O parlamentario lembrou que se trata dunha das zonas húmidas mellor preservadas nas Rías Baixas e de gran interese para as aves acuáticas migratorias constituíndo un lugar de cría, ademais de acoller outras especies de fauna e flora que, segundo expuxo, deben ser protexidas.

Indicou tamén que o MITECO debe promover a liberación dos terreos, comezar os contactos co resto de administracións concesionarias para concluír anticipadamente a ocupación do espazo promovendo a rexeneración ambiental integral do espazo protexido da Xunqueira de Alba e do conxunto do litoral de Pontevedra.

Rego e o alcalde de Pontevedra sinalaron que este caso exemplifica a necesidade de que o BNG conforme un "Grupo Galego Forte" en Madrid para condicionar as políticas do executivo estatal.