O BNG pide a reubicación do campo de fútbol de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
23 de maio 2024

O BNG presentou no Parlamento unha batería de iniciativas relacionadas co proxecto de reconstrución do campo de fútbol de herba sintética da Chan da Barcia, en Ponte Caldelas

Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo
Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo / Radio Nova

O BNG presentou no Parlamento unha batería de iniciativas relacionadas co proxecto de reconstrución do campo de fútbol de herba sintética da Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, logo de que unha enchente do río Verdugo destrozase as instalacións e arrastrase 30 toneladas de recheo de caucho granulado ao cauce do río Verdugo con afección tamén á ría de Vigo.

O caucho granulado está fabricado no 100% a partir de pneumáticos e ten na súa composición hidrocarburos aromáticos policlínicos e outras substancias contaminantes para o medio e o ser humano. Por esta razón, a Unión Europea prohibiu usar este material en instalacións lúdicas e deportivas a partir do ano 2031.

O Bloque sinala que "malia estes antecedentes e a repetición de episodios de enchentes no río Verdugo", o Concello de Ponte Caldelas licitou a reconstrución do campo coas mesmas características técnicas e a mesma ubicación da anterior instalación. Esta tramitación baséase no feito de que os terreos do Campo da Chan da Barcia están situados fóra da zona de perigo nos Mapas de perigosidade e risco de inundacións das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs) da demarcación Galicia-Costa.

Os nacionalistas lembran que "nos últimos 10 anos o campo de fútbol de Chan da Barcia inundouse polo menos tres veces" polo que, tendo en conta estes feitos, o BNG presentou por medio do deputado Luís Bará unha serie de propostas para a aprobación na comisión de medio ambiente do parlamento galego.

Así, o BNG pide que se colabore co Concello de Ponte Caldelas para levar a cabo a reubicación do campo de fútbol da Chan da Barcia fóra da zona inundable, e a recuperación do perfil natural do territorio fluvial, "aumentando deste xeito a zona de expansión do río e diminuíndo os riscos e danos por enchente na propia localidade".

Os nacionalistas tamén apuntan que "en caso de que non sexa viable o traslado das instalacións", que a Xunta colabore co Concello de Ponte Caldelas para levar a cabo a reconstrución do campo de fútbol da Chan da Barcia "desbotando o uso de caucho granulado e utilizando recheos feitos con materiais naturais", como a cortiza ou a fibra de coco, que xa se están utilizando en equipamentos deportivos de herba sintética.

Por último, demandan o inicio do procedemento para a revisión do Mapa de perigosidade e risco de inundacións das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs) da demarcación Galicia-Costa, para incluir os terreos de Chan da Barcia en Ponte Caldelas nas zonas de perigo e na área de asolagamento con retorno de 500 anos.