O BNG pide á implicación masiva da mocidade o 23X "a favor dunha Galiza sen a precariedade e a emigración que deixa o PP"

Pontevedra
08 de xullo 2023

A portavoz nacional, Ana Pontón, lanzou esta mensaxe durante un acto con xente moza no Campillo de Santa María, no que tamén participaron a cabeza de lista por esa provincia, Carme da Silva e o candidato por Lugo, Daniel Castro

Acto do BNG en Pontevedra coa xente moza
Acto do BNG en Pontevedra coa xente moza / EFE/ Salvador Sas

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo este sábado un chamamento dende Pontevedra para que a xente moza se mobilice masivamente o 23X "apoiando ao BNG para loitar tamén desde Madrid por unha Galiza na que a mocidade poida vivir e traballar fronte á precariedade e a emigración que deixa o PP neste País".

Pontón lanzou esta mensaxe durante un acto con xente moza no Campillo de Santa María, no que tamén participaron a cabeza de lista por esa provincia, Carme da Silva e o candidato por Lugo, Daniel Castro.

A líder nacionalista apelou ao "orgullo de ser galegos e galegas" e pediu a mobilización da xuventude "ao longo e ancho do País", "para encher as urnas" coa papeleta do BNG para que ese "grupo forte" loite no Congreso por unha Galicia "tolerante e inclusiva que rexeita o discurso do odio e da intolerancia que medra da man dunha dereita cada vez máis ultra e dunha extrema dereita racista, machista, xenófoba e profundamente antigalega".

A candidata por Pontevedra Carme da Silva destacou que "para o BNG a mocidade non é un simple caladoiro de votos, senón parte activa do cambio", ao tempo que fixo un chamamento a cambiar a idea de que a xente nova é só futuro. "É o presente do país", recalcou. 

En materia de educación  Da Silva defendeu a transferencia da xestión das bolsas para a súa xestión directa desde Galicia. No que se refire á vivenda, avogou por "unha acción pública contundente" que "neutralice a especulación do mercado" e reclamou o traspaso dos inmobles da Sareb para incorporalos a unha bolsa pública de alugueiro. 

O emprego foi o terceiro bloque no que incidiu Da Silva, que anticipou que o Bloque defenderá en Madrid axudas directas para a incorporación ao sector primario, e actuacións para o retorno da xente moza emigrada, en particular para recuperar "o talento científico e investigador emigrado".