O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta abandone as súas instalacións na Xunqueira de Alba

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

O deputado nacionalista Luís Bará considera que a Xunta debe seguir os pasos da Deputación e impulsar a recuperación de máis de 150.000 metros cadrados que forman parte do Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Xunqueira de Alba
Xunqueira de Alba / Mónica Patxot

O próximo mércores día 19, a comisión de Medio Ambiente e Infraestruturas do Parlamento de Galicia debate unha proposición non de lei do BNG na que se demanda que a Xunta renuncie á concesión dos terreos de dominio público marítimo terrestre na Xunqueira de Alba.

Queren os nacionalistas que o goberno galego inicie os trámites para o traslado a outro emprazamento das dúas parcelas que actualmente ten nestes terreos, ocupadas por edificios e equipamentos de conservación de estradas da Axencia Galega de Infraestruturas e de prevención e extinción de incendios.

Segundo afirmou o deputado autor da iniciativa, Luís Bará, “as administracións deben dar exemplo no relativo ao respecto ao medio ambiente e á recuperación de espazos de dominio público, seguindo o criterio de que non deben estar nesta ubicación as instalacións que poidan trasladarse a outro emprazamento".

A Xunta, engade Bará, "debe renunciar á ampliación do prazo de concesión e iniciando os trámites para trasladar os equipamentos e infraestruturas que actualmente se ubican na Xunqueira de Lérez”.

A Xunqueira de Alba conforma un Espazo Natural de Interese Local con 480.000 metros cadrados de extensión, promovido polo concello de Pontevedra e declarado en 2012 pola Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza.

Os terreos ocupados polas citadas concesións, unha vez liberados das mesmas, permitirían crear unha gran zona verde arborada de grande interese desde o punto de vista ambiental e con potenciais usos recreativos e de lecer.

Parte do ENIL Xunqueira de Alba está ocupado na actualidade por concesións a organismos do Estado (Costas e Tráfico), Xunta (unha parcela con instalacións de conservación de estradas e outra de servizos de incendios) e Deputación (Parque de Maquinaria e Imprenta Provincial).

Logo de que se puxese en marcha o proceso para liberación dos terreos ocupados pola imprenta e o parque de maquinaria da Deputación (17.000 metros cadrados), tanto a administración central como a Xunta "teñen que seguir os pasos e poñer en marcha o traslado das instalacións que ocupan", sinala o deputado.

Segundo Luís Bará, "non é de recibo que a estas alturas do século XXI sigan ocupando terreos de dominio público e unha área natural protexida instalacións que deberían estar ubicadas nun parque empresarial".