Luís Bará, deputado do BNG, presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a que non aprobe os proxectos eólicos previstos en Porto Vidros e Campo das Rosas. O representante nacionalista e o candidato á alcaldía Ernesto Filgueira expuxeron a súa oposición a esta iniciativa nun encontro que mantiveron en Pedre.
Estes dous parques forman parte dunha proposta realizada por Naturgy e, segundo o BNG, resultan un "evidente caso de fragmentación fraudulenta" ao entender que se tramitan por separado os dous proxectos da mesma empresa que comparten a liña de evacuación e a subestación.
Reclaman, ademais, que se revise a declaración de impacto ambiental (DIA) de ambas as iniciativas analizando os impactos sinérxicos e acumulativos dos dous proxectos "corrixindo os erros e utilizando criterios acordes cos empregados noutras DIA".
Tamén solicitan un informe independente sobre o impacto destes proxectos en hábitats protexidos, con referencia á incidencia no ecosistema do cabalo salvaxe e na celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo, festa declarada de Interese Turístico Internacional.
Segundo a formación nacionalista, a Xunta permitiu ambientalmente a tramitación de oito polígonos industriais eólicos promovidos por Naturgy, entre os que se inclúen Porto Vidros e Campo das Rosas, afectando as persoas residentes en Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.
Bará considera que estas propostas só responden á voracidade das empresas e ao ansia de facer negocio "sacrificando o noso territorio". Alerta do impacto elevado que terán os aeroxeradores na paisaxe, valor das terras, nas actividades do territorio e tamén na saúde das persoas.
Afirma que as declaracións de impacto ambiental favorables son "absolutamente arbitrarias e cheas de erros e irregularidades", nas que se ignoran as modificacións que se realizaron aos proxectos iniciais con "evidentes contradicións" nos criterios sobre protección de especies ameazadas ou na conservación de construcións declaradas patrimonio cultural da humanidade.
Ernesto Filgueira, pola súa banda, lamentou a ameaza de proxectos eólicos en Cerdedo-Cotobade: "non imos quedar calados ante tamaña agresión ao noso territorio, ao noso medio ambiente e á nosa calidade de vida", manifestou durante a súa intervención.