O BNG non descarta integrar no goberno local a outras forzas políticas

Pontevedra
01 de xuño 2015

O voceiro do BNG no Concello de Pontevedra, Raimundo González, aclarou este luns que os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego "estamos abertos a todo, non se descarta ningunha das posibilidades a partir do día 13 de xuño"

Agustín Fernández saúda a Fernández Lores ante os outros tres portavoces
Agustín Fernández saúda a Fernández Lores ante os outros tres portavoces / Mónica Patxot

O voceiro do BNG no Concello de Pontevedra, Raimundo González, aclarou este luns que os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego "estamos abertos a todo, non se descarta ningunha das posibilidades a partir do día 13 de xuño".

O BNG gañou as eleccións municipais en Pontevedra sumando 12 dos 25 concelleiros da corporación local, na que tamén obtiveron representación o Partido Popular con 7 edís, o PSdeG-PSOE con 3, Marea 2 e Ciudadanos 1.

Por segunda vez -a primeira foi no 2003- os nacionalistas son a forza máis votada na cidade do Lérez, de modo que, de cara a futuros pactos de goberno, Raimundo González destacou que "non estamos na mesma situación de mandatos anteriores, agora hai un grupo maioritario na corporación, polo que cambiou substancialmente a situación".

O BNG non negociará con ningún grupo ata despois do pleno de investidura, o próximo día 13 de xuño, a partir desa data os nacionalistas, "empezaremos as negociacións e non poñemos límites a nada", e por despexar dúbidas, engadiu "tanto pode ser gobernar en solitario con acordos puntuais como mesmo a integración no goberno dalgunhas forzas políticas".

Segundo o voceiro municipal do BNG a fórmula de goberno elixida "vai depender das conversacións que se teñan e das pretensións que se teñan".

"Non temos ningunha preferencia, pero evidentemente chegar a un acordo co Partido Popular, simplemente é imposible", advertiu Raimundo González, quen considera que a oferta dun acordo "sen límites" feita polo presidente do PP provincial para gobernar na Deputación "entra dentro da política ficción", dixo.

Fóra desta negociación quedaría algúns asuntos como as dedicacións exclusivas que "se abordarán no pleno de organización, no que 'si ou si', haberá que negociar con todas as forzas políticas", aclarou. Pero de cara aos próximos catro anos, o BNG insistiu en que ten "abertas todas as posibilidades".

En calquera caso, o Bloque pontevedrés subliña unha "premisa", o BNG é o "grupo maioritario" polo que entenden que haberá "correccións", é dicir, "non vai vir unha forza que teña unha soa persoa en todo o grupo político a condicionar a toda a acción de goberno, creo que iso non foi o que manifestou o electorado", valorou Raimundo González.

Arquivado en