O BNG leva ao Parlamento o rexeitamento á ampliación da depuradora dos Praceres

Pontevedra
14 de outubro 2019

O deputado Luis Bará pide que se mellore a rede separativa e que se estude a construción de novas depuradoras nos concellos que non teñen. Tamén reclama que se faga público o Plan de saneamento local da ría de Pontevedra

Infografía do proxecto da Xunta para ampliar a EDAR de OS Praceres
Infografía do proxecto da Xunta para ampliar a EDAR de OS Praceres / PP de Pontevedra

O BNG rexistrou este luns, por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará, varias iniciativas parlamentarias para a mellora do saneamento da ría de Pontevedra entre as que cabe sinalar a mellora da rede separativa nos concellos que verten á depuradora, o estudo da construción de novas depuradoras en Poio e Marín, e o control dos vertidos do Porto de Marín á rede de saneamento.

A Xunta de Galicia adxudicou en xullo de 2016 o Plan de saneamento local á UTE formada por EPTISA e IDOM por máis de 1,2 millóns de euros e un prazo de execución de 3 anos. Pero, segundo Bará, a día de hoxe, os concellos e as entidades relacionadas coa ría e co ámbito do plan "non teñen coñecemento do documento".

Para o deputado nacionalista, así como a obra de mellora do proceso depurativo da EDAR, cun orzamento de 16 millóns de euros, conta co acordo unánime de todos os sectores e institucións, "a ampliación da depuradora é obxecto dun rexeitamento maioritario tanto na parroquia de Lourizán como no concello de Pontevedra".

Este rexeitamento manifestouse no acordo unánime do Pleno do concello de Pontevedra do pasado 9 de outubro de 2018 nembargantes a Xunta anunciou a súa intención de seguir adiante co proxecto.

O BNG considera necesario que se analicen outras alternativas como a mellora da rede separativa, para reducir drasticamente a cantidade de augas da chuvia que entran aos colectores, e a construción de novas depuradoras.

Ademais, Bará fai referencia á importancia do control dos vertidos procedentes do porto de Marín, impedindo que se vertan directamente á rede de saneamento materiais procedentes dos procesos de limpeza e tratamento de peixe.

Por todos estes motivos, o grupo parlamentar do BNG na súa proposición non de lei insta á Xunta a facer público o Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra, "que debería estar rematado en xullo de 2019".

Igualmente pide que leve a cabo a obra de mellora do proceso depurativo da EDAR dos Praceres, actualmente en tramitación e que se adopten as medidas necesarias para controlar os vertidos do Porto de Marín á rede de saneamento.

Finalmente os nacionalistas piden que se desbote a ampliación da depuradora dos Praceres, polo "forte impacto na contorna" e porque "existen outras alternativas" que se poden levar a cabo, e cita entre outras: a mellora da rede separativa nos concellos que verten a esta instalación ou a construción doutras depuradoras na ría de Pontevedra.