O deputado nacionalista Luís Bará solicita a denegación da prórroga da autorización ambiental integrada a Ence por ser contraria ás determinacións das Directrices de Ordenacion do Territorio (DOT) ao Plan de Ordenación do Litoral (POL) e por incumprir a normativa galega e europea sobre augas residuais e emisións industriais.
O grupo parlamentario do BNG, por medio do deputado pola provincia de Pontevedra Luís Bará, presentou un conxunto de iniciativas encamiñadas a esixir da Xunta o cumprimento da normativa galega en materia de urbanismo e ordenación do territorio, así como da normativa galega e europea en materia de vertedura de augas residuais e emisión industriais.
O BNG considera que con base a esta normativa non se pode autorizar a continuidade do complexo industrial de Ence en Lourizán nin aprobar a prórroga da autorización ambiental integrada.
Paralelamente á proposición non de lei, o BNG rexistrou no Parlamento unha serie de preguntas no mesmo senso.