O BNG leva ao Congreso a decisión do Goberno de investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo cunha maqueta, sen baixar ao barco

Marín
05 de setembro 2022

O BNG presentou unha pregunta para saber a razón pola que o Goberno non informou os familiares da adxudicación deste contrato para a simulación das condicións de mar e do buque que influíron no afundimento e pregúntalle se, no futuro, apostará por unha maior comunicación e transparencia coas familias

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso / Cristina Saiz

O BNG presentou este luns no Congreso dos Deputados unha pregunta ao Goberno de España para que explique a súa decisión de investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova a través dunha maqueta en lugar de facelo baixando ao pecio do buque afundido.

A solicitude presentada este luns no Congreso tamén quere saber a razón pola que o Goberno non informou os familiares da adxudicación deste contrato para a simulación e pregúntalle se, no futuro, apostará por unha maior comunicación e transparencia na relación coas familias.

Esta pregunta chega despois de que o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) publicase no BOE a contratación da construción dunha réplica do pesqueiro para, nunha canle de auga, recrear as condicións do día do naufraxio, o 15 de febreiro.

Esa réplica axustarase fielmente ás formas do casco e a superestrutura do buque e se modelizarán con especial coidado a rampla de popa, a cuberta de traballo a popa da ponte, o espardel e as superestruturas laterais da cuberta de traballo, segundo recolle o prego de prescricións técnicas e tal e como pediu a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) para investigar o ocorrido.

A portavoz das familias dos falecidos, María José de Pazo, criticou como "decepcionante" esta decisión e agora o BNG lévaa ao Congreso e tacha de "preocupante" que "o Goberno pretenda suplir a necesidade de baixar directamente ao buque, tal e como solicitan as familias, por este exercicio de reconstrución".

O deputado nacional do BNG, Néstor Rego, considera que segue sendo necesario, "e perfectamente posible e viable", que se envíe un barco ata a zona do afundimento para poder baixar ao pecio e inspeccionar o exterior do mesmo e destaca que "podería facerse perfectamente cun robot como se realizou xa con outros barcos afundidos".

"Non pode entenderse que, existindo unha opción viable para a observación directa do pecio que achegue luz sobre as causas do naufraxio, o Goberno siga negándose a esta posibilidade", cuestiona Néstor Rego.

O deputado nacionalista critica que o Executivo PSOE-Unidas Podemos opte agora por unha simulación das condicións marítimas e do buque "sen ter en conta as xustas e reiteradas peticións dos familiares".

Ademais, lembra, que a investigación pericial da Ciaim deberá estar finalizada nun ano para contar desde a data do naufraxio, polo que é necesario "axilizar todas as probas e trámites pendentes" para obter as conclusións finais que serán complementarias das que se realice na investigación penal, entre as que debe considerarse o descenso ata o barco afundido.

O BNG quere saber que razóns levaron ao Goberno para seguir negando a baixada ao pecio para a gravación e inspección do casco afundido utilizando robots para iso e lograr así datos directos sobre os danos e determinar así máis fielmente as causas do naufraxio e tamén se o Executivo considera que unha simulación das teóricas condicións marítimas pode substituír á inspección directa do pecio.

Rego tamén lle pregunta ao Goberno se considerará rectificar a súa decisión e ordenar finalmente a baixada ao pecio para a súa observación coa finalidade de obter probas sobre a situación do buque e os seus danos como veñen reclamando os familiares dos falecidos.