O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei coa que pretende que o Parlamento inste á Xunta a paralizar a tramitación do parque eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade.
O Bloque tamén pide que se abra un proceso de participación e diálogo para a elaboración dunha nova planificación do sector eólico que sexa "respectuosa co medio e coas comunidades locais, xusta, social, sustentábel, e que responda aos intereses do noso país e da veciñanza do rural".
A maiores da proposición non de lei, o deputado nacionalista Luis Bará preguntará no Parlamento "se considera normal o goberno galego someter a información pública o parque eólico dos Cotos en pleno período de Nadal e con só 15 días para a consulta da documentación e a presentación de alegacións".
Tamén quere saber cando tivo coñecemento o concello de Cerdedo-Cotobade da aprobación do citado parque eólico e que reunións houbo entre representantes da Xunta e do concello despois da aprobación do parque como iniciativa empresarial prioritaria o 21 de outubro de 2021.
Por último, o BNG quere saber se vai ter en conta o goberno galego o rexeitamento social maioritario e a oposición das comunidades de montes afectadas ao proxecto do parque dos Cotos ou se "vai o goberno galego pasar por riba dos intereses da veciñanza de Cerdedo-Cotobade para favorecer os intereses dunha empresa privada".