A deputada provincial e ata agora concelleira en Moraña Eva Vilaverde será a número 3 da candidatura do BNG á Alcaldía de Pontevedra nas próximas eleccións municipais do 26 de maio. É a gran aposta pola renovación nunha lista en repítena todos os actuais concelleiros nacionalistas da corporación, aínda que dous deles, Luís Bará e Vicente García Legísima, foron relegados a petición propia aos últimos postos e pechan a lista.
A candidatura encabézaa, tal e como xa se anunciou, o actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se presentará por novena vez como candidato á Alcaldía. Rodeouse de dúas mulleres nos postos de saída. A actual concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías repite de número 2 e Eva Vilaverde entra con forza no tres como a única nova incorporación nos dez primeiros postos.
O cuarto posto será para o tamén concelleiro Demetrio Gómez Xunqueira e repiten así mesmo César Mosquera (5), Carme da Silva (6), Raimundo González (7), Carme Fouces (8), Alberto Oubiña (9) e Pilar Comesaña (10). O undécimo na candidatura tamén é unha nova incorporación, o arquitecto Xaquín Moreda González, integrante da agrupación cultural Maravalladae de número 12 vai a concelleira Anxos Riveiro.
Estes doce candidatos serían os futuros concelleiros nacionalistas no hipotético caso de que o BNG repita os resultados das últimas eleccións municipais, nas que logrou 12 concelleiros que lle permitiron gobernar en minoría. A partir do número 13 inclúese unha lista que aposta pola renovación de nomes fóra de Bará (25) e Legísima (24).
Os 25 titulares e dez suplentes desta candidatura foron referendados este martes nunha asemblea local "por aclamación" de todos os asistentes. Ninguén votou en contra e a lista configurada por Lores e Raimundo González, como responsable local, recibiu, como apoio, "un sonoro aplauso".
Raimundo González destacou que se trata de "unha lista para seguir gobernando", paritaria e que "combina experiencia con novas incorporacións" mentres que Lores insistiu en que a calidade da candidatura é tal que perfectamente se lle podería "dar a volta, que encabece Bará e eu dicir: me retiro a mis aposentos".
Fernández Lores insistiu tamén en que se trata dunha lista de candidatos "comprometidos con este proxecto de hai 32 anos (20 no goberno e 12 na oposición), co país e con Pontevedra". Ademais, destaca que ten "coñecemento en profundidade de Pontevedra e do traballo municipal", " dispoñibilidade para estar non traballo municipal a full time" e "capacidade de sufrimento".
Destaca, así mesmo, que se presentan coa idea de "consolidar un modelo que levan funcionando anos" e de "recoller os retornos do que se estivo sementando en 20 anos de goberno". Está convencido de que "o mellor está por vir" e insiste en que, persoalmente está "ilusionado" e "no momento máis doce da miña actividade política", na que queda "moitas cousas por facer".
A lista complétana persoas procedentes especialmente do movemento veciñal, cultural e sindical, así como da educación: a presidenta da asociación de veciños de Lérez, María Xosé Abilleira Novo (13); o profesor e activista cultural Xosé Abilleira Sanmartín (14); a sindicalista e delegada de CIG María Xosé Rodríguez Martínez (15); o sindicalista e presidente do comité de empresa de Viaqua Fernando Romero (16); ou a traballadora da sanidade pública e dirixente veciñal Begoña Mallo Rey (17).
O empresario Sebastián Figueira Conde, ' Sesi' (18); o veciño de Marcón e integrante da comunidade de montes da parroquia Xosé Freixeiro Rei (19); a responsable de Muller de Galiza Nova, Uxía Couto Escobar (20); a profesora da Facultade de Belas Artes Ana Seoane Suárez (21); o membro da asociación Son de Xeve Manolo Hermida (22); e a coordinadora das Escolas Asociadas á Unesco Luisa Marquez (23) completan a candidatura.