O Parlamento galego debaterá esta semana unha proposición non de lei presentada polo BNG na que se pide a paralización e o rexeitamento do transvasamento do río Verdugo e o estudo de diversas alternativas para mellorar o abastecemento de auga á área de Vigo.
A iniciativa, defendida polo deputado Luís Bará, debaterase e votarase o mércores. Ten como finalidade paralizar e desbotar o proxecto de transvasamento de auga desde o río Verdugo á canalización que vai do encoro de Eiras á estación potabilizadora do Casal en Vigo, proxecto promovido por Augas de Galicia e o Concello de Vigo.
O BNG apoia deste xeito o posicionamento dos concellos de Ponte Caldelas, Soutomaior ou Pontevedra, que piden que se desbote este obra polo seu impacto ambiental na conca do río Verdugo e pola repercusión na actividade económica da pesca e o marisqueo na enseada de San Simón e no fondo da ría de Vigo.
O transvasamento suporía retirarlle ao río Verdugo máis da metade do caudal en períodos de seca. Tería polo tanto, segundo o BNG, un forte impacto na conca do río Verdugo, nunha área protexida pola Rede Natura e con grande valor ambiental e paisaxístico.
Para Luís Bará "non ten ningún sentido intentar levar a cabo agora unha obra moi custosa que xa se desbotou no pasado por razóns ambientais e que non resolvería o problema de fondo do abastecemento á área de Vigo".
Neste sentido, o BNG defende un plan integral de actuación financiado pola Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Vigo que permita a mellora da eficiencia dos sistemas de captación, almacenamento e abastecemento de auga, para reducir sensiblemente as perdas que se producen, que segundo diferentes estudos poden chegar ao 30%.
Ademais, débese acometer a modernización e ampliación da estación potabilizadora do Casal, que "non ten nin capacidade nin tecnoloxía moderna" para o tratamento da auga ancorada en Eiras, e o desenvolvemento dun programa de racionalización e uso sustentable da auga que inclúa medidas de aforro, redución do consumo e reutilización, así como a revisión da estrutura tarifaria para premiar o aforro e penalizar o consumo abusivo de auga.