O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixirá en Bruxelas ante os responsables de pesca da Unión Europea que a frota cefalopodeira galega volva faenar en Mauritania.
Representantes do BNG e do sindicado CIG compareceron este martes en rolda de prensa en Marín para anunciar unha entrevista co director xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Comisión Europea, João Aguiar Machado.
Segundo informou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, este encontro co máximo responsable de pesca europea está programado para o vindeiro xoves día 26 ás 11.30, e xunto a ela asistirán o portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, Daniel Rodas, e o xerente da Cooperativa de Armadores (ANACEF), Juan Martin Fragueiro.
Nesta entrevista expoñerán a João Aguiar todos os argumentos da frota cefalopodeira galega a favor dun novo acordo con Mauritania que permita que os 16 buques que quedan despois da expulsión en 2012 dos caladoiros mauritantos, poidan volver pescar. Actualmente aseguran que estes barcos están "malvivindo" noutros caladoiros.
Ana Miranda explicou que esta reunión, solicitada o pasado mes de xullo, é para conseguir un "novo acordo pesqueiro", e asegurou que "nos molesta que se estea xogando co sector da pesca agora que chegan as eleccións", en relacción coa viaxe da conselleira de Pesca, Rosa Quintana, a Bruxelas esta semana "sen nin sequera consultar ao sector", reprochou.
Aseguran que non van a Bruxelas "para sacar unha foto" co director xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Comisión Europea, senón que esperan regresar "cunha decisión positiva e con información directa".
Pola súa banda, Daniel Rodas advertiu que a frota cefalopodera está nunha "situación de emerxencia" e, por tanto é "urxente" incluíla no novo acordo, sinalando que existen "alternativas" mesmo no caso de que as cotas de polbo fosen inferiores ás necesidades da frota e que pasan por "habilitar modalidades de pesca demersal e crustáceos co fin de facer rendible a actividade pesqueira".
Finalmente, o portavoz CIG-Mar, Xavier Aboi, subliñou que o sector cefalopodero galego é "moderno e competitivo" e denunciou que "está a ser liquidado co beneplácito de Europa e o consentimento de Madrid e do goberno da Xunta".
Así acusou de "pasividade" aos gobernos galego e español e xustificou a reunión do xoves en Bruxelas como unha "consecuencia da total ausencia dos nosos gobernantes na defensa da nosa frota", concluíu.