O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, esixiu ao Goberno central e á Xunta de Galicia un operativo conxunto para repatriar e trasladar a destino aos mariñeiros galegos que faenan en caladoiros internacionais.
Luís Bará mantivo este mércores en Marín unha reunión con mariñeiros galegos que traballan habitualmente nas frotas do Atlántico Sur que lle explicaron a complexa situación que están a vivir ao non poder trasladarse ao país basee -neste caso Uruguai- para embarcar nunha campaña.
Tamén foi informado das dificultades que os mariñeiros que están noutras zonas como o Índico, o Pacífico, na zona de Namibia, Seychelles, Malvinas e que non poden desembarcar e volver a Galicia.
Bará urxiu a "buscar unha solución" xa que esta situación está a crear "graves problemas económicos nas familias", xa que moitas delas dependen dos ingresos destes mariñeiros que levan meses no dique seco xa que con motivo da crise sanitaria da covid-19 estas persoas non teñen autorización para volver aos seus domicilios nin tampouco para trasladarse aos lugares de pesca.
O nacionalista sinalou que se foi posible un operativo para repatriar aos turistas españois repartidos polo mundo, "con máis razón hai que facelo coas persoas traballadoras" polo que instou, tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia, a que se poñan "mans á obra" para facer un operativo conxunto.
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra advertiu que a situación é tamén complexa polas diferentes situacións laborais, xa que no seu maior parte estes mariñeiros traballan para empresas de fóra de Galicia, que realizan diferentes tipos de contratos, indefinidos e tamén de obra.
"Hai persoas ás que lles finalizou o contrato que non teñen ningún tipo de ingresos e que contaban con seguir traballando. A algunhas acabóuselles o paro e debería buscárselles algún tipo de axuda", indicou.
Diante desta situación, Bará mostrou o apoio do Bloque ás persoas afectadas e lamentou que "a Consellería está desaparecida cando a xente do mar a precisa".
Finalmente, Luís Bará comprometeuse a que, se o 12 de xullo hai un cambio de goberno, se non está solucionada, "nós afrontaremos todos os trámites con urxencia", dixo.