Cargos do BNG participaron este sábado nun acto de denuncia da "aldraxe da AP9" no que esixiron ao goberno central a baixada inmediata das peaxes da autoestrada e o cumprimento do acordo de investidura que prevé unha bonificación substancial das peaxes, cando menos coa gratuidade na viaxe de volta para persoas usuarias recorrentes, a compensación con cargo aos orzamentos do Estado das subas extraordinarias derivadas das obras de ampliación da ponte de Rande, a supresión da peaxe entre Redondela e Vigo e a transferencia da AP-9 a Galicia.
Os nacionalistas lembraron que foi o "voto decisivo" do deputado do BNG Néstor Rego "o que permitiu arrincarlle literalmente este acordo histórico ao PSOE, un acordo que rompe con décadas de subas abusivas das peaxes e que abre a porta a que esta infraestrutura sexa xestionada desde Galicia".
Segundo afirmou o deputado nacionalista Luís Bará, "non hai razóns para que se demore a aplicación destes acordos e, en todo caso, consideramos que se debe contemplar a aplicación retroactiva desde o 1 de xaneiro".
Para reclamar o cumprimento do pacto o BNG está a desenvolver unha campaña que inclúe actos simbólicos, colocación de faixas e carteis.
Paralelamente estase a desenvolver unha campaña explicativa e de denuncia dos beneficios multimillonarios obtidos tanto pola concesionaria como polo Estado, "os grandes beneficiarios do atraco diario que sofren as 20.000 persoas que utilizan a autoestrada", segundo Luís Bará.
Para o deputado nacionalista, "a concesionaria leva ingresados máis de 1.000 millóns de euros de beneficios desde a privatización en 2003 aprobada polo PP de Aznar; mentres que o Estado obtivo máis de 2.300 millóns, dos cales 1.586 son resultado da privatización e máis de 700 proveñen dos ingresos fiscais por IVE e Imposto de Sociedades".
Bará afirmou que "o Estado non nos fai ningún favor: o que ten que facer é devolver parte do multimillonario negocio da AP9, do que é socio con Audasa".
Segundo Luís Bará, "o BNG persegue un trato xusto para Galiza, que xa pagou de abondo a autoestrada e que vai ter que seguir pagando, se non lle poñemos remedio, até 2048, mentres que outras autoestradas da mesma época como a A7 entre Alacante e a fronteira francesa será gratuíta neste ano 2021. Por iso, o BNG vai seguir pelexando ate conseguir, máis pronto ca tarde, unha AP9 galega e libre de peaxes".