O BNG esixe á Xunta que lidere o traslado de ENCE

Pontevedra
21 de marzo 2019

O deputado pontevedrés do BNG Luís Bará presentou este xoves no Parlamento galego unha batería de propostas dirixidas ao goberno de Núñez Feijóo para que apoie as iniciativas encamiñadas a deixar sen efecto a prórroga concedida a ENCE

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / Monica Patxot

O deputado pontevedrés do BNG Luís Bará presentou este xoves no Parlamento galego unha batería de propostas dirixidas ao goberno de Núñez Feijóo para que apoie as iniciativas encamiñadas a deixar sen efecto a prórroga concedida a ENCE, e para que dea cumprimento ás previsións das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral (POL).

Bará lembra que o POL prevé para os terreos ocupados por ENCE unha Área de Mellora Ambiental e Paisaxística, co obxecto de conseguir a recuperación do espazo que quedará vacante coa materialización do traslado das instalacións da fábrica a outra localización.

Ademais, o BNG propón que a Xunta de Galiza encargue a redacción dun instrumento de ordenación territorial para abordar conxuntamente as actuacións de rexeneración, restauración e reordenación do ámbito de recualificación previsto nos terreos actualmente ocupados polo complexo industrial.

Por último, o grupo nacionalista insta ao goberno galego a iniciar as xestións, en coordinación co goberno do Estado, para procurar un novo emprazamento para a fábrica de ENCE actualmente asentada en Lourizán.

Para Luís Bará, "estamos pois diante dunha oportunidade histórica para poñer fin á desfeita da ría e da contorna, unha agresión iniciada no franquismo e continuada décadas despois, prórroga incluída. Unha oportunidade para iniciar unha nova etapa de respecto polo medio, de reconciliación coa contorna e de devolución a Pontevedra e á ría do que en xustiza lle corresponde".

 

Arquivado en