Que as obras comecen no presente ano 2018. É o obxectivo co que Luis Bará vén de rexistrar varias iniciativas parlamentarias sobre o atraso que acumula o proxecto de dragaxe do río Lérez. O deputado do BNG esixe á Xunta que licite esta actuación no primeiro semestre.
Bará recorda que esta dragaxe comezou coa súa tramitación en 2011 e segue pendente de licitación.
O deputado rexistrou unha batería de preguntas parlamentarias nas que demanda ao goberno galego información sobre o prazo no que prevé a Xunta de Galicia licitar o proxecto da dragaxe da canle de acceso ao porto de Pontevedra no río Lérez.
Ademais, quere saber se existe previsión orzamentaria para iniciar as obras no ano 2018 e cal é a cantidade prevista ou se ten previsto o goberno galego modificar o proxecto para atender as demandas do sector pesqueiro e marisqueiro que piden que os sedimentos se depositen fóra da ría de Pontevedra, en mar aberto.
O BNG tamén rexistrou unha proposición non de lei para que se debata en comisión ou en pleno.
Luis Bará lembra que a finais do ano 2016, o presidente de Portos de Galicia reuniuse co alcalde de Pontevedra e cos portavoces dos grupos municipais para informalos das características do proxecto e dos prazos estimados para a súa realización.
Naquela xuntanza, informou da previsión de licitación do proxecto a comezos de 2018. En xaneiro de 2017, o DOG publicou o anteproxecto da dragaxe e o estudo de impacto ambiental e abriuse o período de exposición pública para a presentación de alegacións.
"A realidade é que despois deste período de exposición pública, a tramitación do proxecto sufriu un novo parón", lamenta Bará.
A razón deste novo retraso parece ser a discrepancia sobre o lugar onde se van depositar as máis de 221.000 toneladas de sedimentos que está previsto retirar da canle do río. O BNG demanda que se depositen fóra da ría de Pontevedra.