O BNG e AGE levan a prórroga de ENCE ante o goberno da Unión Europea

Pontevedra
27 de xaneiro 2016

O BNG e AGE entenden que a multinacional vulnera normativa comunitaria en materia de medio ambiente

Comisión Europea
Comisión Europea / European Parliament

O BNG leva ante a Comisión Europea a decisión do Goberno de funcións de Mariano Rajoy de conceder unha prórroga de sesenta anos na Ría de Pontevedra a Ence, por entender que a multinacional vulnera a normativa comunitaria en materia de medio ambiente.

Tamén Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) porá en coñecemento da Comisión Europea estes feitos, a través de Jose Manuel Servert, representante da Comisión Europea pertencente á unidade adicada ao seguimento de infraccións e cuestións xurídicas.

A portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, explica na interpelación á Comisión que a empresa privada "incumpre sistematicamente" a directiva sobre o tratamento das augas residuais urbanas, como xa foi denunciado no Parlamento europeo polo Bloque en reiteradas ocasións. Circunstancia que entenden coma "causa da non renovación da concesión".

Pola súa banda, a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, sinalou que "ver un goberno en funcións tomando a decisión de conceder 60 anos máis de licenza a unha fábrica contaminante é un claro exemplo de como o Partido Popular xestiona as cuestións medioambientais actuando igual que o raposo 'coidando' das galiñas".

Arquivado en