O BNG do Morrazo mobilízase para reclamar que o Goberno central libere a AP9

Marín
13 de febreiro 2021

O partido nacionalista demanda que o Goberno central active as rebaixas da AP9 comprometidas no acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE e que antes do verán poida estar completada a transferencia da AP9 como primeiro paso para unha xestión desde Galicia con criterios sociais e medioambientais

Campaña do BNG para que o PSOE cumpra o acordo de investidura relativo á AP9
Campaña do BNG para que o PSOE cumpra o acordo de investidura relativo á AP9 / BNG

A concelleira de Bueu e responsable comarcal do BNG, Silvia Carballo, o deputado autonómico Paulo Ríos Santomé "Kai" e a alcaldesa de Moaña, Leticia Costas, na compaña doutros membros do partido e concelleiros de municipios do Morrazo participaban este venres na presentación da campaña social que pretende conseguir que o Goberno central active as rebaixas da AP9 comprometidas no acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE.

Segundo informa o grupo do BNG, trátase de "unha campaña que no Morrazo encontra toda a sensibilidade social, porque a Comarca xa foi referente na mobilización social e en conseguir que a ponte de Rande quedase libre de peaxes".

Lembra o partido nacionalista que o compromiso da liberación de peaxes "figuraba entre as medidas asinadas no acordo de investidura entre BNG e PSOE onde se recollía a bonificación do cen por cen a todos os usuarios e usuarias recorrentes da AP9" que fagan, polo menos, dúas viaxes ao día todos os días da semana, sexan particulares ou profesionais.

A partir dese acordo de investidura incorporáronse tres partidas específicas nos Orzamentos Xerais do Estado para facer posible que estas medidas se levasen a cabo, polo que o deputado autonómico Paulo Ríos Santomé afirma "que non hai razón de ningún tipo para que o goberno demore que entren en vigor. Deberían ter entrado o un de xaneiro e non é razoábel, que en vez de baixar as portaxes, o que se anunciara fora que a AP-9 fose a autoestrada por cuarto ano consecutivo que máis subía de todo o Estado español".

O BNG do Morrazo chama a toda a sociedade civil da Comarca a colaborar na "campaña informativa" consistente na pegada de carteis e pancartas, así como a distribución de folletos e a difusión de información a través das Redes Sociais, para que o Executivo central "se decate de que que estamos fartos de sufrir semellante agravio, de ser a autoestrada máis cara do Estado", remarcan fontes do BNG.

O BNG demanda que o Goberno presidido por Pedro Sánchez cumpra o pactado e que antes do verán poida estar completada a tramitación e a transferencia da AP9 como primeiro paso para unha xestión desde Galicia con criterios sociais e medioambientais e cunha perspectiva futura de que a autoestrada poida ser galega e libre de peaxes.